A Marcha Special Olympics Galicia chega a Santiago este sábado

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este martes a XIV Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade de Special Olympics Galicia. A proba desenvolverase en catro etapas en diferentes puntos de Galicia. A etapa de Santiago celebrarase este sábado 3 de outubro, cun percorrido polas rúas compostelás que se pechará na praza do Obradoiro sobre as 14:00 horas.
A Marcha Ciclista Unificada chegará a localidades das catro provincias galegas, comezando o 1 de outubro coa primeira etapa pola localidade lucense de Monforte de Lemos (17 km). Continuará ao día seguinte, o 2 de outubro, entre os concello de Ourense, San Cibrao das Viñas e Barbadás (20,4 km), o 3 de outubro percorrerá as rúas de Santigo de Compostela (16,1 km) e rematará o día 4 de outubro en Vilagarcía de Arousa (14,6 km).
A ruta do sábado en Santiago terá un percorrido circular dende a praza do Obradoiro, con saída ás 11.30 horas, e contará coa participación de 66 persoas.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, remarcou o apoio do Concello a este proxecto para dende o convencemento de que a inclusión é tarefa de todas e todos e que Santiago é unha cidade acolledora, inclusiva e solidaria. Por isto, a edil fixo un chamamento a toda veciñanza para que o vindeiro sábado 3 saia á rúa a animar a todas as persoas participantes.
Na rolda de prensa de presentación, celebrada no Pazo de Raxoi, participaron tamén o xerente de Aspas, Antonio Javier García, o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, o deportista de Aspas José Antonio Balado, a deputada provincial de Política Social, Mar García, e o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández.
Roberto García valorou que con iniciativas coma esta o deporte derruba barreiras sociais, mellora o benestar e favorece a autoconfianza da persoa.
Antonio Javier García agradeceu ao Concello e ao resto de administracións públicas o seu apoio en colaboración co terceiro sector.
Pola súa parte, José Antonio Balado expresou o seu desexo de que este sábado a xente de Compostela vaia ver a proba.
Mar García puxo o foco na importancia do deporte inclusivo, dende o impulso da colaboración institucional, e parabenizou ao presidente de Special Olympics polo seu labor cos usuarios e usuarias para lograr que a inclusión sexa efectiva.
Finalmente, Eladio Fernández reivindicou o deporte como vía para estimular a actividade das persoas con discapacidade e de demostrarlle á sociedade que tamén son capaces. Así mesmo, agradeceu ao Concello o apoio prestado a Special Olympics ano tras ano e celebrou que esta iniciativa deportiva e social se consolide.
Special Olympics Galicia é a asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual. Unha organización sen ánimo de lucro onde se traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.