A maxia volverá inundar o Teatro Colón co Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona

A Coruña volverá converterse este outono nun referente internacional do ilusionismo coa chegada dunha nova edición do Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona. O emblemático Teatro Colón será o escenario elixido para acoller esta cita os días 16 e 17 de outubro, cun total de catro funcións que prometen deixar ao público sen palabras.
As entradas sairán á venda este martes 20 de abril e os prezos oscilan entre os 16 e os 19 euros, con descontos dispoñibles do 20 % para persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou con Carné Xove, e do 25 % para familias numerosas.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apostando por unha programación cultural diversa e de calidade para os nosos espazos municipais, ofrecendo espectáculos que contan cunha gran acollida por parte da veciñanza”, destacou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O festival, organizado e producido polos recoñecidos magos Pedro Bugarín e Dani Polo, contará cun cartel de luxo no que se reúnen algúns dos ilusionistas máis destacados e galardoados do panorama internacional. A gala estará conducida polo Mago Murphy, procedente de Madrid, e contará coas sorprendentes actuacións de David Burlet (Francia), Nacho Samena (Galicia), Seimei (Corea do Sur) e a espectacular posta en escena da compañía Mag Edgard (Barcelona).
As funcións do mércores 16 de outubro celebraranse ás 18.00 e ás 20.30 horas, mentres que o xoves 17 os pases serán ás 18.30 e ás 21.00 horas. Unha cita imprescindible para amantes da maxia e o espectáculo, que promete converter A Coruña, unha vez máis, nun escenario cheo de ilusión e fantasía.