A metade das traballadoras galegas estaría en risco de pobreza se dependesen só do seu salario

Un informe da CIG revela que arredor do 50% das mulleres traballadoras en Galiza estarían en risco de pobreza se os seus ingresos procedesen unicamente do seu salario individual. O sindicato convoca unha manifestación nacional en Santiago o 8 de marzo baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!”.
Trabajadoras
6 Mar 2026

Un informe sobre a situación laboral das mulleres en Galiza elaborado pola CIG revela que arredor do 50% das traballadoras galegas estarían en risco de pobreza se os seus ingresos dependesen exclusivamente do seu salario individual.

O documento, presentado con motivo do Día Internacional das Mulleres Traballadoras, sinala que a precariedade laboral, a parcialidade e a fenda salarial continúan marcando a realidade das mulleres no mercado laboral galego. Ademais, a situación agrávase no caso das mulleres migrantes, nas que o risco de pobreza é aínda maior.

Durante a presentación do informe, representantes da central sindical anunciaron tamén a convocatoria dunha manifestación nacional de mulleres en Santiago de Compostela o vindeiro 8 de marzo ás 11:30 horas, que partirá da estación intermodal baixo o lema “Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!”.

Baixos ingresos e precariedade laboral

Segundo os datos analizados, o 40% das traballadoras galegas perciben ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Entre os homes, esta porcentaxe sitúase no 28%.

Se se amplía o cálculo até 1,5 veces o SMI, a proporción de mulleres que se sitúan nese tramo de ingresos acada o 66,8%, o que supón arredor de 360.000 traballadoras.

O estudo tamén sinala que a fenda salarial alcanza o 17,7%, unha diferenza que se explica en parte por factores estruturais, pero tamén pola maior incidencia da temporalidade e da contratación a tempo parcial entre as mulleres.

De feito, no segundo trimestre de 2025, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial eran mulleres, mentres que a taxa de temporalidade feminina supera en 14,4 puntos á dos homes.

Concentración no sector servizos

Outro dos aspectos destacados do informe é a forte concentración do emprego feminino no sector servizos. Segundo os datos analizados, o 84,7% das mulleres ocupadas en Galiza traballan neste sector, fronte ao 58,1% dos homes.

Dentro deste ámbito, máis da metade das traballadoras concéntranse na administración pública, educación, sanidade e servizos sociais, así como no comercio.

O sindicato advirte de que, en xeral, canto maior é a feminización dun sector, menores son os salarios, o que contribúe a manter as desigualdades salariais.

Impacto nas pensións

A precariedade laboral ao longo da vida profesional reflíctese tamén nas pensións. Segundo os datos recollidos no informe, en 2024 a pensión media das mulleres en Galiza foi de 883 euros mensuais, mentres que a dos homes acadou os 1.317 euros, o que supón unha diferenza do 33%.

Esta desigualdade está relacionada cos menores salarios, as carreiras laborais máis curtas e as interrupcións vinculadas aos coidados familiares.

A fenda dos coidados

O estudo sinala que as responsabilidades de coidado continúan recaendo maioritariamente nas mulleres. Mentres que o 21% das mulleres ocupadas a tempo parcial alegan o coidado de persoas dependentes como motivo, esta cifra descende ao 6,3% no caso dos homes.

En termos absolutos, máis de 25.000 mulleres reducen a súa xornada por motivos de coidado, fronte a uns 2.500 homes.

Chamamento á mobilización

Desde a CIG subliñan que estes datos evidencian a persistencia de desigualdades estruturais no mercado laboral galego e fan un chamamento á mobilización social con motivo do 8M.

O sindicato anima a participar tanto na manifestación nacional convocada en Santiago pola mañá como nas mobilizacións feministas previstas pola tarde en diferentes cidades e vilas galegas.

0.3984808921814