A mobilización do persoal de GKN obriga á empresa a retirar o ERE de 50 despedimentos

A loita do cadro de persoal de GKN Driveline, empresa do sector da automoción en Vigo, obrigou finalmente á dirección a retirar o ERE que inicialmente afectaba a 72 persoas traballadoras e que posteriormente fora rebaixado a 50.
Á manifestación celebrada o 1 de febreiro sumouse a convocatoria de folga promovida pola CIG, que finalmente non se tivo que facer efectiva tras anunciar a empresa que renunciaba aos despedimentos.
Porén, o conflito laboral provocou a ruptura da unidade sindical no comité de empresa. O presidente do comité, pertencente á CIG, presentou a súa dimisión ao considerar que non podía manter a presidencia cando a maioría do comité actuaba en sentido contrario ao defendido pola súa organización e por unha parte significativa do persoal.
Desde a CIG sinalan que a actuación de CCOO e UGT foi “desleal”, ao facer públicos comunicados en nome do comité sen contar co resto das organizacións nin co propio presidente.
A central sindical defende que actuou con responsabilidade ao reclamar que ningún traballador ou traballadora marchase pola forza e desconvocar a folga unha vez acadado o obxectivo principal. Aínda que recoñecen que o acordo non cumpre todas as expectativas, subliñan que permite evitar medidas como a bolsa de horas ou a aplicación dun ERTE.
Chamamento en defensa da automoción
Desde a CIG advirten de que, se non existe unha resposta conxunta da cidadanía de Vigo ante a situación do sector da automoción, poderían repetirse despedimentos, ERTE e ERE nos vindeiros meses, co risco de afectar gravemente ao tecido industrial da comarca.
Neste contexto, fan un chamamento a defender un sector considerado fundamental para a economía viguesa e reclaman ao Ministerio e á Consellaría de Industria novos proxectos e investimentos que garantan o futuro industrial da cidade.