A mobilización do persoal leva o Ministerio de Defensa a presentar unha mellora salarial para este ano

O pasado venres, o Ministerio de Defensa comunicou a autorización para ofrecer ao persoal funcionario unha mellora salarial extraordinaria para o ano 2025, nos mesmos criterios aprobados para o persoal de réxime laboral. A suba será de 2.400 euros brutos, a aboar nas nóminas de novembro e decembro, en concepto de produtividade por obxectivos do departamento.
A representación da CIG entre o persoal civil de Defensa recibe esta comunicación “con moderada satisfacción”, ao entender que se trata dun primeiro paso resultado da mobilización e da loita sindical. O sindicato subliña que só a través da presión colectiva se pode poñer fin á situación inxusta xerada polo propio Ministerio ao incrementar o salario do persoal militar e excluír desta mellora ao persoal civil.
Neste sentido, a central sindical parabeniza ás traballadoras e traballadores pola súa firmeza “en defensa dos seus dereitos” e interpreta esta decisión como unha rectificación do acordo asinado co resto de organizacións sindicais da Mesa Xeral de Negociación de Defensa (CSIF, CCOO, UGT), no que a CIG foi a única que se opuxo a consolidar unha nova discriminación.
A CIG critica o papel destas centrais, ás que acusa de manter unha “complicidade infame co Ministerio” no canto de defender unha suba digna para un colectivo “que leva anos reclamando un complemento salarial que revirta a súa baixa calidade retributiva”.
Tendo en conta esta nova situación, a CIG confirma a manifestación convocada en Ferrol para o xoves 13 de novembro, así como a súa vontade de participar activamente nas reunións da Mesa Xeral de Negociación até poñer fin á discriminación orixinada.
Ademais, solicitará á Subdirección Xeral de Persoal Civil a convocatoria dunha Mesa Delegada cun único punto na orde do día: as retribucións do persoal civil do Ministerio, pois consideran que “estas cuestións deben ser materia de negociación sindical e non decisión unilateral do Ministerio”.
Finalmente, a central fai un chamamento á continuidade da mobilización, para lograr blindar esta suba salarial e estendela a todo o persoal civil, con independencia do seu réxime xurídico —laboral, funcionario ou estatutario—.