A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico presenta a programación da súa XXI edición en Santiago

A XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego celebrarase do 10 ao 15 de marzo en Santiago, combinando cinema, investigación e creación arredor da antropoloxía visual.
Mostra Internacional de Cinema Etnografico
5 Mar 2026

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) celebrará a súa XXI edición do 10 ao 15 de marzo en Santiago de Compostela, consolidándose como un espazo de referencia para o cinema etnográfico e a antropoloxía visual.

Tras máis de dúas décadas de traxectoria, a mostra reafirma a súa identidade como un festival centrado no rexistro antropolóxico e nas linguaxes audiovisuais contemporáneas, ao tempo que reforza a súa vocación como territorio de creación, experimentación e pensamento arredor da imaxe.

A presentación da programación contou coa participación de Concha Losada, Coral Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, integrantes do colectivo Memoria e Cinema, xunto coa concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña Xosé L. Penas Corral e Jacobo Sutil, en representación da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Durante o acto destacouse a nova etapa do festival, que mantén a súa esencia pero aposta por fortalecer a súa dimensión como espazo de creación e experimentación audiovisual. A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego agradeceu ademais o traballo desenvolvido por Ana Estévez, responsable da mostra durante vinte anos.

Un festival entre cinema, pensamento e creación

Segundo explicou Fran Rodríguez Casal, a programación desta edición busca explorar os procesos creativos desde a súa orixe, prestando atención á construción e ás formas contemporáneas do cinema etnográfico. Coral Piñeiro engadiu que o festival pretende ser “un espazo aberto” onde persoas de ámbitos diversos atopen no cinema etnográfico un lugar común para o diálogo e a reflexión.

Nesta liña, a MICE combina proxeccións, encontros e actividades formativas que conectan o cinema coa investigación antropolóxica, os procesos creativos e a reflexión cultural.

Retrospectivas, focos e colaboración universitaria

Entre as propostas destacadas desta edición figura a retrospectiva dedicada á cineasta Maddi Barber, cun percorrido pola súa filmografía centrada na relación entre paisaxe, corpo e memoria.

O festival tamén presenta un foco dedicado a Zinema Auzolanean, unha experiencia de creación comunitaria que reflexiona sobre a autorrepresentación e os procesos colectivos no cinema.

A MICE reforza ademais a súa conexión co ámbito universitario a través de colaboracións como a sesión organizada co cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación e outra realizada xunto ao Festival Novos Cinemas, que presenta traballos da súa sección Aula en colaboración coa Universidade de Vigo.

Seccións competitivas e cinema galego

As seccións competitivas constitúen un dos eixos centrais da programación, reunindo obras que dialogan coa antropoloxía visual e o rexistro do real desde diferentes linguaxes cinematográficas.

A Sección Galicia ofrece unha panorámica do cinema galego contemporáneo con títulos como El cuerpo de cristo, de Bea Lema, Alboroque, de Sabrina Fernández Casas, Furada Negra, de Berio Molina, A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva, ou La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo.

Pola súa banda, a Sección Internacional reúne obras procedentes de distintos contextos culturais que exploran novas formas de representación da realidade, como Rain Does Not Make Us Happy Anymore, de Yashasvi Juyal; Seen From Here, I Feel Like Belonging, de Emilia Auhagen-Kuoppamäki e Leon Emonds-Pool; Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires; ou The Inhabitants, de Maureen Fazendeiro.

A XXI edición da MICE está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais e de Acción Cultural Española.

0.36167287826538