A nova fase da Cidade Deportiva Afouteza reafirma a Galicia como potencia no deporte e na innovación

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este mércores no acto de colocación da primeira pedra da segunda fase da Cidade Deportiva Afouteza, en Mos. Acompañado pola presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño, así como representantes do tecido deportivo, institucional e social da contorna, Rueda enxalzou este proxecto como símbolo dunha Galicia moderna, innovadora e comprometida co deporte.
O mandatario galego felicitou ao club celeste pola súa clasificación para a Europa League, un logro que atribuíu ao bo facer tanto do primeiro equipo como da canteira. Nesa liña, destacou que a nova infraestrutura de Afouteza será un novo chanzo na historia do club e do deporte galego en xeral.
A segunda fase da Cidade Deportiva forma parte do proxecto estratéxico Galicia Sports 360, impulsado pola Xunta, que prevé un investimento global de máis de 110 millóns de euros e a creación de centos de empregos directos e indirectos. Declarado de interese autonómico, este proxecto busca fomentar a formación, a igualdade de oportunidades, a innovación tecnolóxica, a promoción do deporte feminino e o respecto ambiental.
Segundo explicou Rueda, Afouteza contará con espazos destinados á formación de novas e novos deportistas, á aplicación de técnicas de adestramento avanzadas e á creación de laboratorios de e-sports. Ademais, prevese a creación dun centro educativo con ciclos universitarios e de Formación Profesional.
O presidente da Xunta destacou que Galicia rexistrou máis de 319.000 licenzas deportivas en 2024, e que a tempada 2024-2025 bateu récords de investimento público en deporte. As 58 federacións deportivas galegas contan este ano co seu maior orzamento histórico: 5,5 millóns en convenios, 850.000 euros en patrocinios, 1,5 millóns en axudas para equipacións e 2 millóns en apoio á actividade dos clubs. As axudas a deportistas de alto nivel tamén acadaron unha cifra récord, rozando o millón de euros.
Rueda concluíu reafirmando o apoio da Xunta ao proxecto de futuro do Celta e destacou a determinación do club e de Galicia para continuar facendo historia no deporte.