A nova tempada de pesca fluvial en Galicia comezará o 15 de marzo e prolongarase ata o 31 de xullo

A tempada de pesca fluvial en Galicia para o ano 2026 comezará o 15 de marzo e prolongarase ata o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se acordou na reunión do Consello Galego de Pesca Continental, presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, coa participación de representantes dos distintos axentes implicados no sector.
Durante o encontro analizáronse as propostas que se incorporarán na orde anual de pesca, que se publicará proximamente e regulará os períodos hábiles e cotas de captura para cada especie.
No caso da troita, o período xeral abrirase o 15 de marzo e prolongarase ata o 31 de xullo, con excepción das masas de auga salmoneras, de reo e de montaña, nas que a tempada comezará o 1 de maio.
Nos cotos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos cotos con convenio a tempada prolongarase tamén ata esa data na modalidade sen morte.
No relativo ao salmón, e tendo en conta os baixos niveis de abundancia detectados nos ríos galegos, o Consello acordou prohibir a súa pesca en toda a comunidade durante a tempada 2026.
A directora xeral informou de que a Consellería realizará un seguimento pormenorizado das poboacións galegas de salmón, empregando contadores automáticos xa existentes nos ríos Ulla, Eo e Landro, e prevendo instalar dous novos dispositivos nas presas de Bora (río Lérez) e A Freixa (río Tea).
Tamén se continuará co seguimento da especie na Estación de Ximonde (río Ulla), operativo desde 1993, e con inventarios mediante pesca eléctrica noutros ríos con presenza de poboacións de salmón.
En canto ao reo, o período xeral abranguerá do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns cotos.
Na reunión abordáronse tamén propostas dos catro consellos provinciais de pesca e avaliáronse os principais resultados do Plan de manexo das poboacións de corvo mariño grande en Galicia, co obxectivo de reducir o seu impacto sobre as poboacións piscícolas, especialmente sobre os salmónidos, sen prexudicar a conservación desta ave.
O plan desenvolveuse en 8 cotos das 4 provincias galegas, realizándose 32 percorridos de censado e aplicando medidas diferenciadas segundo os niveis de manexo, cuxos resultados foron avaliados para mellorar a súa eficacia.