A oficina de Correos de Bueu acumula 15.000 envíos sen repartir por falta de persoal

O persoal da oficina de reparto de Correos en Bueu participou este xoves nunha nova concentración convocada pola CIG para denunciar a grave falta de persoal que está a provocar a acumulación de máis de 15.000 envíos ordinarios e arredor de 500 envíos rexistrados —certificados e notificacións— sen repartir.
A mobilización, que se desenvolveu a partir das 13.15 horas, contou coa presenza de membros do equipo de goberno municipal, entre eles o alcalde, Félix Juncal, e tivo como obxectivo reclamar a cobertura inmediata das prazas vacantes e das ausencias temporais por permisos do persoal.
Segundo denuncia a central sindical, a unidade de reparto atópase actualmente baixo mínimos, cunha carga de traballo asumida unicamente polo 28 % do cadro de persoal. Esta situación provoca que os envíos se acumulen sen saír a reparto, deteriorando gravemente a calidade do servizo postal.
Dende a CIG advirten de que estes recortes de persoal por parte da dirección de Correos están a vulnerar a Lei Postal, ao incumprir a obriga de prestar o Servizo Postal Universal e realizar o reparto cinco días á semana. “Prívase á cidadanía do dereito a recibir a súa correspondencia en prazo”, sinalan.
As persoas traballadoras esixen que Correos poña fin a estas prácticas que cualifican de “abusivas” e reforce de maneira estable o cadro de persoal. Tamén reclaman que se deixen de aplicar “parches temporais” como o abuso das horas extras ou o desvío de paquetería á unidade de reparto de Cangas, o que, denuncian, vai en detrimento do reparto de notificacións e certificados.