A orientación laboral con empresas logra unha inserción do 55 % aos seis meses, di a Xunta

O Goberno galego impulsa o programa Xunta Conecta, que incorpora entrevistas de traballo nas oficinas de emprego para facilitar o contacto directo entre as compañías e as persoas demandantes
mobil-ordenador-tecnoloxia
3 Nov 2026

A Xunta de Galicia reforzará as sesións grupais de orientación laboral con empresas despois de constatar que o 55 % das persoas demandantes de emprego que participan nestas xornadas consegue incorporarse ao mercado laboral nos seis meses seguintes. O Consello da Xunta analizou os resultados desta iniciativa do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e a súa ampliación a través do novo programa Xunta Conecta.

Esta modalidade de encontros é, segundo os datos do Executivo autonómico, a actividade do SPEG que ofrece os mellores resultados de inserción laboral. O novo servizo dálle un maior pulo ao modelo ao incorporar entrevistas de traballo coas empresas participantes nas propias oficinas de emprego.

As sesións grupais poden desenvolverse de maneira presencial, tanto nas oficinas de emprego como en centros colaboradores, ou en liña. Durante os encontros, as compañías explican as súas necesidades de contratación, os perfís profesionais que buscan e as condicións laborais que ofrecen. Pola súa banda, as persoas asistentes teñen a oportunidade de formular preguntas e coñecer directamente as posibilidades de incorporación aos cadros de persoal.

O obxectivo é achegar as persoas que buscan emprego ao tecido empresarial, mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral e responder ao mesmo tempo ás necesidades de man de obra das empresas.

O Servizo Público de Emprego de Galicia tamén desenvolve outras modalidades de sesións grupais. Entre elas están as xornadas de mellora da empregabilidade, impartidas presencialmente polo persoal orientador nas oficinas de emprego e destinadas a fortalecer o perfil profesional das persoas desempregadas.

A estas actividades súmanse as cápsulas informativas, encontros en liña dirixidos ao persoal de orientación para dar a coñecer empresas con necesidades de contratación e entidades que traballan con persoas sen emprego.

A través de Xunta Conecta, a Administración galega pretende avanzar un paso máis neste modelo de atención. Así, antes de realizar a entrevista coa empresa na oficina de emprego, as persoas candidatas poderán prepararse mediante obradoiros específicos sobre a elaboración do currículo e as técnicas para afrontar unha entrevista de traballo.

Con esta iniciativa, a Xunta busca converter as oficinas de emprego en puntos de encontro directo entre as empresas e as persoas candidatas, reforzando o seu papel como elemento central do ecosistema laboral de cada comarca.

O Goberno galego xa celebrou encontros con empresas de distintos sectores estratéxicos que precisan cubrir vacantes e está a preparar novas xornadas. Ademais, proximamente habilitarase no portal de emprego un formulario para que calquera compañía poida solicitar a organización dunha sesión grupal ou dunha xornada Xunta Conecta, co obxectivo de simplificar os trámites.

0.44075107574463