A ourensé Josefa Salgado Carballo, nova decana da Facultade de Física da USC

A catedrática substitúe no cargo a Elena López Lago tras ser elixida por 42 votos a favor, 1 en branco e 1 abstención
josefa-salgado-decana-fisica-01-usc
19 May 2026

A profesora Josefa Salgado Carballo acaba de ser elixida decana da Facultade de Física por 42 votos a favor, 1 en branco e 1 abstención. Deste xeito, substitúe no cargo á profesora Elena López Lago. Acompañarana á fronte do equipo decanal Silvia Barbosa Fernández e Xesús Prieto Blanco (vicedecanos) e Héctor Álvarez Pol (secretario). Para estes seis anos de traballo, a decana considera “imprescindible” abordar a rehabilitación do edificio da Facultade de Física, garantindo espazos “adaptados ás necesidades presentes e futuras da comunidade”.

Outro dos eixos fundamentais da súa proposta é a captación e retención do talento estudantil, “reforzando as accións orientadas a garantir unha formación inclusiva e de calidade para todo o estudantado”, dixo. Un dos retos a afrontar é a integración da intelixencia artificial no ámbito docente, que implica non só a incorporación de ferramentas dixitais avanzadas, senón tamén a “formación crítica do estudantado no seu uso, promovendo competencias que serán esenciais no seu desenvolvemento académico e profesional”. Así mesmo, salienta a necesidade de reforzar a conexión entre a Facultade de Física e os distintos institutos de investigación aos que está vinculado o PDI da Facultade, así como co tecido empresarial e coas empresas con capacidade de absorción “do grande talento presente nas nosas aulas”. A catedrática considera tamén fundamental “avanzar cara a un modelo de xestión máis áxil, baseado na participación, na transparencia e no diálogo constante, co obxectivo de construír un proxecto común e sólido”.

Traxectoria

Josefa Salgado Carballo, natural de Verín (Ourense) é catedrática do departamento de Física Aplicada e membro do grupo de investigación NaFoMAT (Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda). Foi secretaria (2010-2014) e directora (2014-2023) do departamento de Física Aplicada, e secretaria do Instituto de Materiais (iMATUS) desde abril de 2023 ata a actualidade. Ten recoñecidos cinco sexenios de investigación e cinco quinquenios docentes.

A súa traxectoria docente comezou na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Na actualidade a maior parte da docencia que imparte corresponde ao grao en Física. Foi titora de máis de 35 Traballos Fin de Grao (TFG), Traballos Fin de Mestrado (TFM) e proxectos fin de carreira. Dirixiu catro teses de doutoramento, a última no marco do programa de doutoramento industrial da Xunta de Galicia, en colaboración coa empresa ABCR-Laboratorios, e actualmente dirixe outras dúas. Ademais, organizou numerosos encontros científicos estatais e internacionais, así como escolas e cursos de verán.

A súa principal liña de investigación céntrase no estudo de novos materiais baseados en líquidos iónicos confinados en matrices poliméricas para o seu uso como electrólitos en dispositivos flexibles de almacenamento de enerxía. É coautora de máis de 100 publicacións científicas, de máis de 200 contribucións a congresos e participou en máis de 35 proxectos de investigación e convenios con empresas e institucións.

0.44187784194946