A Plataforma Galega Vivenda Xa! preséntase á sociedade para reclamar o dereito a unha vivenda digna

A Plataforma Galega Vivenda Xa! vén de presentarse hoxe publicamente en Santiago tras a súa recente constitución a iniciativa de diversos colectivos e entidades sociais preocupadas pola grave situación de acceso á vivenda en Galicia. “A especulación inmobiliaria e a falta de acceso á vivenda está a converter este dereito fundamental nun luxo inalcanzábel para moitas persoas”, advertiu Iria Nande, unha das portavoces.
Na comparecencia pública, Nande, xunto con Andrés López e María Curra, deu a coñecer os obxectivos da plataforma, así como o seu manifesto fundacional e a táboa reivindicativa, entre os que destaca a creación dun programa de vivendas públicas con prezo taxado que garanta o acceso universal a unha vivenda digna.
Entre as principais medidas reclamadas figuran:
- O incremento do parque público de vivenda por parte da Xunta.
- A cesión dos inmobles da SAREB en Galicia, arredor de 3.000, dos cales uns 1.300 estarían en condicións de habitabilidade.
- A creación dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social.
- A mobilización da vivenda baleira.
- A promoción de políticas públicas de vivenda reais e efectivas.
- A prohibición legal da especulación dos fondos voitre.
A plataforma denuncia a inacción da Xunta de Galicia, á que acusan de negarse a ampliar o parque público, non aplicar medidas para baixar os prezos nas zonas tensionadas e rexeitar a mobilización da vivenda baleira. Tamén critican ao Goberno do Estado, ao que acusan de limitarse a anuncios “pirotécnicos” sen medidas concretas.
“Non hai vontade de remediar esta crise e iso é inasumíbel. Temos que pasar á acción”, afirmou Iria Nande, anunciando que a plataforma iniciará de inmediato un proceso de difusión das alternativas posibles ante a crise da vivenda, abríndose á participación de novos colectivos e entidades. “Queremos escoitar a todos os sectores sociais e poñer presión ás administracións para que actúen xa”, concluíu.