A pontevedresa Andrea Mirón, elixida mellor xogadora do mundo de fútbol praia nos Beach Soccer Stars 2025

Foi incluída no cinco ideal da tempada e tamén logrou situar un dos seus goles entre os dez finalistas ao mellor tanto do ano
andrea-miron-futbol-praia
25 May 2026

O fútbol praia galego vén de acadar un novo fito internacional grazas á pontevedresa Andrea Mirón, que foi recoñecida como a mellor xogadora do planeta nos premios Beach Soccer Stars 2025. A capitá da selección española converteuse así na gran protagonista da gala ao recibir o máximo galardón individual deste deporte a nivel mundial.

Mirón impúxose nas votacións finais á tamén española Adriana Manau e á brasileira Bárbara Colodetti, consolidando unha traxectoria marcada pola regularidade e o alto rendemento na elite internacional. A xogadora galega levaba varias tempadas consecutivas entre as candidatas ao premio e culmina agora anos de protagonismo tanto coa selección española como nos seus equipos de clubs.

Ademais do recoñecemento como mellor futbolista do ano, Andrea Mirón foi incluída no cinco ideal da tempada e tamén logrou situar un dos seus goles entre os dez finalistas ao mellor tanto do ano. A acción seleccionada foi un gol anotado co Higicontrol Melilla durante a Women’s World Winners Cup Catania 2025.

O premio supón tamén un importante recoñecemento para o fútbol praia español, considerado desde hai anos unha referencia internacional nesta disciplina. Na actualidade, a selección española feminina ocupa o primeiro posto da clasificación mundial, consolidando o excelente momento que vive este deporte.

A futbolista pontevedresa mantén ademais unha estreita relación coa Real Federación Galega de Fútbol, participando habitualmente nas actividades e xornadas de convivencia organizadas pola entidade para promover e impulsar o fútbol praia en Galicia.

O recoñecemento a Andrea Mirón confirma o peso crecente do fútbol praia galego no panorama internacional e sitúa novamente a unha deportista galega na cima do deporte mundial.

0.33101010322571