A pontevedresa Lydia Pérez conquista o ouro no Grand Prix de Francia Henri Deglane de loitas olímpicas

A deportista pontevedresa Lydia Pérez proclamouse campioa na categoría de 59 kg no Grand Prix de Francia Henri Deglane, unha das citas internacionais máis importantes das loitas olímpicas, celebrada esta fin de semana en Niza.
Lydia Perez
23 Jan 2026

A loitadora pontevedresa Lydia Pérez asinou unha actuación destacada no Grand Prix du France Henri Deglane, celebrado no Salón de los Deportes Charles-Ehrmann entre o venres 16 e o domingo 18 de xaneiro, proclamándose campioa na categoría feminina de 59 quilogramos.

O torneo reuniu a máis de 200 deportistas de primeiro nivel internacional, converténdose nunha das citas máis esixentes do calendario europeo. Dentro dunha competición de alto nivel, a galega foi unha das grandes protagonistas, nun campionato no que as mulleres españolas brillaron especialmente, con dous ouros —o de Lydia Pérez (Galicia) e o de Carla Jaume (Baleares)— e unha prata para Rosa Molina (Andalucía).

Na súa categoría, Lydia Pérez dominou con autoridade. Primeiro impúxose nun duelo estatal fronte a Rosa Molina e, posteriormente, venceu á checa Mrackova. Ambos os combates resolvéronse por superioridade técnica, evidenciando o excelente momento deportivo da pontevedresa.

Este triunfo adquírese ademais nun contexto clave para a súa carreira deportiva, xa que a categoría de 59 kg forma parte do proceso de adaptación cara ao peso olímpico de 57 kg, obxectivo prioritario no seu camiño cara ás grandes citas internacionais. Segundo destaca o seu equipo técnico, a deportista está a adaptarse “moi ben tanto física como mentalmente” ao novo peso, mantendo a forza da súa anterior categoría, os 62 kg, e chegando ás competicións con enerxía e boas sensacións.

A decisión de cambio de categoría está avalada polo seu grupo de adestradores, equipo médico e equipo de traballo, sustentándose na disciplina e no sacrificio que caracterizan a súa traxectoria recente. Durante esta tempada, Lydia Pérez competirá maioritariamente nos 59 kg, reservando as baixadas aos 57 kg para as grandes competicións do ano, como o Campionato de Europa, o Campionato do Mundo e os Xogos do Mediterráneo.

⚙ Configurar cookies
0.26341700553894