A Porta do Sol acolle a XV Festa da Cultura con máis de 30 colectivos folclóricos

O evento celebrarase o sábado 26 e domingo 27 de xullo cun completo programa de música tradicional, danza, regueifas e teatro. O alcalde Abel Caballero animou á cidadanía a gozar dunha festa que enche Vigo de identidade e tradición.
Festa da Culytura
25 Jul 2025

A cidade de Vigo celebrará esta fin de semana a XV edición da Festa da Cultura, unha cita xa consolidada no calendario festivo local. O evento, promovido pola Agrupación de Centros Culturais de Vigo co apoio do Concello, terá lugar na Porta do Sol o sábado 26 e o domingo 27 de xullo, cun programa cheo de música tradicional, danza, teatro e regueifas a cargo de 32 colectivos culturais da cidade.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este xoves na presentación da festa e destacou a súa importancia como “símbolo da forza da cultura popular viguesa”. O rexedor agradeceu o traballo das asociacións implicadas e confirmou unha achega municipal de 20.000 euros para a celebración.

O sábado 26 de xullo, as actuacións comezarán ás 11:00 horas coa participación de Os Ventos de Comesaña, Arroaces do Fiadeiro e a Escola Miudiño do Coto. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas, será a quenda de Queixumes, Helios de Bembrive, Gaiteiros de Pardavila, Andarela, o Cuarteto Tradicional Traspés, a Banda de Gaitas Cotogrande, Froles Novas e Corisco.

O domingo 27, ás 18:00 horas, subirán ao escenario Regueifas, o Grupo de Gaitas Aturuxo, Amieiras-Ledicias de Valladares, Pandereteiras de Raíz de Xestas e Monteira, Danzas do Mundo. A festa culminará ás 21:30 horas coa actuación especial de Abóbriga, grupo de música tradicional procedente de Baiona.

A organización convida á veciñanza e visitantes a achegarse á Porta do Sol para celebrar “unha festa que é un reflexo da nosa identidade e da diversidade cultural de Vigo”.

⚙ Configurar cookies
0.26389002799988