A portavoz de Sanidade do PSdeG, Elena Espinosa, sinala que o deterioro da sanidade pública galega está detrás do incremento das baixas laborais temporais.

A portavoz socialista en sanidade denuncia que o deterioro do Sergas impide acceder a consultas, probas e operacións, e acusa á Xunta de culpabilizar inxustamente aos traballadores.
Elena Espinosa
9 May 2025

A deputada socialista Elena Espinosa advertiu hoxe no Parlamento galego que as listas de espera do Servizo Galego de Saúde (Sergas) están a prolongar as baixas laborais de maneira innecesaria. Así o manifestou durante a comparecencia da secretaria xeral técnica do Sergas, á que criticou pola falta de solucións fronte ao colapso asistencial.

Espinosa acusou ao Goberno galego de desviar a responsabilidade cara aos traballadores e traballadoras, culpabilizándoos de manter unha Incapacidade Laboral Temporal (ILT) sen necesidade. “Non son os traballadores os que asinan unha baixa ou unha alta médica”, lembrou, “senón que estas se prolongan pola imposibilidade de acceder a consultas especializadas, realizar probas diagnósticas ou ser operados a tempo”.

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista cualificou de inxustas as declaracións do goberno do PP, que “culpa á cidadanía cando o que hai é un problema de xestión”. Segundo sinalou, “o sistema público de saúde non está sendo quen de atender en tempo e forma ás persoas enfermas, e iso está a xerar máis baixas laborais”.

Neste contexto, Espinosa referiuse tamén ás palabras do secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, que aludiu a un “sistema de saúde absentista”, entendendo que a dificultade para acceder á atención médica é o principal factor que explica a elevada porcentaxe de persoas en situación de baixa.

⚙ Configurar cookies
0.10854506492615