A portavoz do BNG en Dereitos LGBT, Iria Carreira, urxe á Xunta a tomar medidas contra a LGBTfobia e a introducir a educación afectivo-sexual como materia obrigatoria no ensino.

Iria Carreira denuncia o aumento da transfobia en Galicia e pide a inclusión obrigatoria da educación afectivo-sexual no currículo escolar como ferramenta para combater a discriminación.
Iria Carreira
10 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa portavoz parlamentaria de Dereitos LGBT, Iria Carreira, reclamou esta semana no Parlamento galego medidas urxentes para garantir os dereitos das persoas LGBT e, de maneira especial, das persoas trans. A nacionalista puxo o foco no aumento da LGBTfobia e da transfobia, unha realidade que, segundo denunciou, queda reflectida en datos alarmantes recollidos pola FELGTBI+.

Entre outros datos, Carreira destacou que un 37,8 % das persoas trans sufriron discriminación, un 35,6 % foron vítimas de acoso e un 26,7 % padeceu agresións físicas ou sexuais, cifras que poderían ser aínda maiores debido á infradenuncia.

A deputada nacionalista puxo tamén sobre a mesa a precariedade económica que afecta ao colectivo trans: case a metade das persoas trans están en risco de pobreza e tres de cada dez teñen unha intensidade laboral moi baixa, traballando apenas tres meses ao ano.

No eido educativo, a situación das crianzas e adolescentes trans é especialmente preocupante, como sinala un informe de Agareso que denuncia que o 81 % do alumnado LGBT sufriu agresións e que o 69 % do profesorado presenciou episodios discriminatorios. Ademais, un 33 % do alumnado cishetero recoñeceu non aceptar ás persoas trans.

Neste contexto, Iria Carreira instou á Xunta a introducir no currículo escolar a educación afectivo-sexual como materia obrigatoria, adaptada a cada etapa educativa e con perspectiva científica e social. A nacionalista criticou o veto reiterado do PP a esta proposta e lamentou a postura do conselleiro de Educación, contraria a incluíla.

“A LGBTfobia vive e resiste nos centros educativos e na sanidade, onde moitas profesionais non reciben formación axeitada”, advertiu. Ademais, acusou ao PP de empregar as persoas trans como ferramenta de confrontación política. “Poñer o foco nas mulleres trans como perigo para o feminismo non é igualdade: é transfobia”, sentenciou.

⚙ Configurar cookies
0.1116771697998