A Praza Maior énchese para celebrar o histórico ascenso da UD Ourense a Primeira Federación

Centos de afeccionados congregáronse no corazón da cidade para acompañar ao equipo nun acto de homenaxe tras culminar unha tempada histórica
celebracion-ascenso-udo
3 Jun 2026

A Praza Maior de Ourense converteuse na tarde deste martes no epicentro da celebración do ascenso da Unión Deportiva Ourense a Primeira Federación. Centos de afeccionados congregáronse no corazón da cidade para acompañar ao equipo nun acto de homenaxe tras culminar unha tempada histórica.

A recepción, organizada polo Concello de Ourense, contou coa presenza dos xogadores, o corpo técnico, a directiva e o presidente da entidade. O acto estivo conducido polo concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e reuniu tamén ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, así como representantes dos catro grupos políticos municipais.

Durante a celebración, tanto o rexedor como o responsable de Deportes trasladaron os seus parabéns ao conxunto ourensán polo ascenso e animaron ao club a continuar coa súa progresión na nova categoría.

O ambiente festivo estivo marcado pola masiva resposta da afección, que encheu a Praza Maior para celebrar un éxito que devolve ao fútbol ourensán a unha categoría de relevancia nacional. A consecución do ascenso culmina unha eliminatoria na que a UD Ourense superou á Unión Balompédica Conquense, tras impoñerse por 1-0 no partido de ida disputado no Couto e por 0-2 no encontro de volta celebrado o pasado domingo en Cuenca.

Precisamente, ese decisivo partido xa fora seguido por milleiros de ourensáns desde a propia Praza Maior a través dunha pantalla xigante instalada para a ocasión, nunha mostra do respaldo social que acompañou ao equipo durante toda a fase de ascenso.

0.43741297721863