A presión nas oficinas bancarias leva a CCOO ás rúas da Coruña

A Federación de Servizos de CCOO sairá este mércores, 3 de xuño, ás rúas da Coruña para denunciar a presión comercial, a sobrecarga laboral e o deterioro das condicións de traballo no sector financeiro. A mobilización partirá ás 11.00 horas do Cantón Pequeno e fará paradas diante das sedes de BBVA, Banco Santander e Sabadell, antes de rematar ante Abanca, na rúa Nova, 30.
A protesta forma parte dunha xornada de concentracións convocada de maneira simultánea en varias cidades españolas. O sindicato busca visibilizar a situación que, segundo denuncia, vive o persoal das entidades bancarias nun contexto no que o sector segue rexistrando beneficios récord.
CCOO apoia a convocatoria nos datos do informe 'Sector financiero: la voz de las plantillas', elaborado a partir dunha enquisa de clima laboral realizada no mes de maio. Nela participaron máis de 45.000 traballadores e traballadoras, e máis do 90% asegurou sufrir unha sobrecarga de traballo vinculada á presión comercial exercida polas direccións das entidades.
Os datos debuxan un escenario especialmente tenso nas oficinas. Según CCOO, o 96,9% das persoas que traballan na rede comercial afirma que a carga e a presión aumentaron de forma substancial nos últimos tres anos, mentres que o 85,9% declara que esta situación afecta negativamente á súa saúde física e mental. Nos servizos centrais, o 93,1% sinala unha sobrecarga crecente e o 82,3% tamén fala de impacto directo sobre a saúde.
O sindicato denuncia que o actual modelo organizativo está a desgastar os cadros de persoal e a xerar riscos psicosociais cada vez máis evidentes. Entre os principais problemas sinala a falta de persoal, a presión para vender produtos, as prolongacións de xornada, a hiperconectividade e a ausencia real de desconexión dixital.
CCOO reclama un cambio de rumbo no sector financeiro. Entre as súas demandas figuran o reforzo dos equipos para mellorar a atención á clientela, a redución da presión comercial, unha maior protección da saúde mental, o respecto aos tempos de descanso e un recoñecemento máis xusto da profesionalidade do persoal.
A enquisa tamén reflicte unha elevada disposición á mobilización. O 95,7% das persoas que traballan en oficinas apoiaría unha protesta polo clima laboral, unha porcentaxe que se sitúa no 91,7% nos servizos centrais. Con estes datos, o sindicato quere levar ás entidades a unha mesa de negociación na que se aborden cambios estruturais nun modelo que considera esgotado.
A marcha da Coruña será unha das citas previstas dentro da convocatoria estatal e servirá para trasladar ás principais entidades bancarias unha mensaxe clara: os beneficios récord, sostén CCOO, deben ir acompañados dunha mellora real das condicións laborais do persoal.