A Primavera de Portas Abertas chega en maio con novas experiencias enoturísticas

A Primavera de Portas Abertas nas Rutas do Viño de Galicia celebra este maio a súa 14ª edición cunha aposta renovada polas experiencias enoturísticas singulares. A programación foi presentada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto no que tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte.
A actividade está organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas cinco Rutas do Viño das denominacións de orixe: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra. Cada ruta terá o seu propio fin de semana, con visitas gratuítas a 62 adegas e múltiples actividades paralelas, como catas, visitas a museos, roteiros históricos e naturais, paseos en barco, talleres ou concertos.
O calendario será o seguinte:
-
Monterrei: do 2 ao 4 de maio
-
Valdeorras: do 9 ao 11 de maio
-
Rías Baixas: do 16 ao 18 de maio
-
Ribeira Sacra: do 23 ao 25 de maio
-
O Ribeiro: do 30 de maio ao 1 de xuño
Tamén se volverán poñer en marcha os Buses do Viño, con 35 rutas con saída desde oito cidades galegas e Ponferrada. Toda a información está dispoñible en turismo.gal.
Durante a súa intervención, Merelles destacou que “o turismo enogastronómico é un eixo clave para a diversificación da oferta e a desestacionalización da demanda”. Tamén lembrou que en 2023, o turismo gastronómico xerou un gasto medio diario de 112,5 €, sendo o segundo con maior impacto económico.
A Xunta está a desenvolver o Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Enogastronomía de Galicia 2023-2025, cun investimento de 34,5 millóns de euros. Este inclúe 11 plans locais, como os de Valdeorras, O Ribeiro–O Carballiño ou Condado Paradanta.
Merelles subliñou que “a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 contempla o enoturismo como ferramenta para articular propostas diferenciadoras” e remarcou o traballo coordinado coas rutas para xerar experiencias de calidade durante todo o ano.