A profesora da USC Emma Mayo recibe o Premio Honorífico ao Liderado Inclusivo

A Fundación Adecco e o Club de Excelencia en Sustentabilidade entregou esta semana os galardóns correspondentes á novena edición do certame
profesora-da-usc-emma-mayo
28 Oct 2026

A Fundación Adecco e o Club de Excelencia en Sustentabilidade entregou esta semana os galardóns correspondentes á novena edición dos Premios de Diversidade e Inclusión. O acto tivo lugar na Sala Constitucional do Congreso dos Deputados e reuniu destacadas personalidades e organizacións comprometidas coa construción dunha sociedade máis inclusiva. Emma Mayo, profesora e membro do Instituto de Pisicoloxía (IPsiUS) da USC, recibiu, xunto con Adela Cortina, o Premio Honorífico ao Liderado Inclusivo, en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coa inclusión, a equidade e o benestar psicosocial das persoas en situación de vulnerabilidade, especialmente nos ámbitos educativo e universitario.

Durante a súa intervención, Emma Mayo compartiu diversas reflexións sobre os desafíos que aínda persisten para acadar unha inclusión plena. “A día de hoxe, aínda non podemos falar da existencia dunha inclusión real, porque mentres sigan existindo barreiras que limiten as oportunidades de participación, aprendizaxe ou desenvolvemento das persoas, non poderemos falar dunha inclusión plena”, explicou

Para a profesora da USC, “as barreiras máis difíciles de eliminar non sempre son visibles. Máis alá dos obstáculos físicos persisten barreiras mentais e actitudinais: prexuízos, estereotipos e expectativas limitadas que condicionan as oportunidades de moitas persoas. Porque mentres unha rampla pode construírse en pouco tempo, cambiar unha mirada, cuestionar unha crenza ou vencer un prexuízo esixe moito máis esforzo”.

Emma Mayo tamén lembrou que “aínda quedan moitos retos pendentes. Porque a inclusión non consiste unicamente en abrir portas; consiste en garantir que poidamos atravesalas e permanecer do outro lado en igualdade de condicións”. Finalmente, expresou un desexo que resume o obxectivo último da inclusión: “Gustaríame que a noticia non fose que unha persoa con discapacidade chega a determinados espazos, senón que ninguén se formule que non poida chegar”.

0.38824796676636