Os Premios Feroz incorporan o ciclo ‘Unha cuestión de perspectiva’ sobre as mulleres no cinema galego

O ciclo, coordinado por Paula Cabaleiro, celebrarase os días 9 e 16 de xaneiro no Teatro Principal de Pontevedra con proxeccións, mesas de debate e unha performance arredor da perspectiva feminista no audiovisual galego
Premios Feroz
12 Jan 2026

A programación paralela dos Premios Feroz en Pontevedra incorpora este mes de xaneiro o ciclo ‘Unha cuestión de perspectiva: as mulleres no audiovisual galego’, unha proposta cultural que busca reflexionar sobre a igualdade e os dereitos culturais desde unha ollada feminista ao cinema galego.

O ciclo, coordinado pola xestora cultural Paula Cabaleiro, desenvolverase no Teatro Principal de Pontevedra durante dúas xornadas, os venres 9 e 16 de xaneiro, e enmárcase na axenda previa á gala dos Premios Feroz, que se celebrará na cidade o vindeiro 24 de xaneiro.

A programación arrinca o venres 9 ás 19.00 horas coa proxección do documental Prefiro condenarme, dirixido por Margarita Ledo. O filme reconstrúe a historia real de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora da ría de Ferrol xulgada por adulterio en 1972, e afonda na violencia estrutural da ditadura e no dereito das mulleres a decidir sobre a súa vida afectiva.

Tras a proxección celebrarase un coloquio conducido por Paula Cabaleiro, no que participarán a propia directora e a actriz Mónica Camaño, unha das protagonistas da cinta.

O venres 16 de xaneiro terá lugar unha xornada intensiva centrada na análise do papel das mulleres no sector audiovisual galego. A sesión abrirase ás 11.15 horas coa conferencia inaugural ‘A situación das mulleres no cinema galego’, a cargo da produtora Nati Juncal, delegada de CIMA en Galicia.

Ao longo do día celebraranse tres mesas de diálogo que abordarán cuestións clave como a produción con perspectiva feminista, a construción dos relatos e personaxes no cinema galego e a presenza das mulleres nos circuítos de exhibición, festivais e plataformas dixitais. Nelas participarán profesionais destacadas como Chelo Loureiro, Sara Horta, Anxos Fazáns, Jaione Camborda, Lucía Veiga ou Xisela Franco, entre outras.

O ciclo pecharase ás 19.45 horas coa performance ‘Unha muller cunha cámara’, protagonizada por Mercé de Rande e Juanma LoDo. Inspirada na obra de Dziga Vertov, a peza combina cinema, danza e manipulación de vídeo en tempo real para reflexionar sobre a autoimaxe e o papel da muller como suxeito activo que constrúe a mirada.

Todas as actividades son de acceso libre ata completar a capacidade do Teatro Principal. A programación conta co apoio da Deputación de Pontevedra.

⚙ Configurar cookies
0.329097032547