A Rede Galega de Teatros e Auditorios inicia 2026 con 307 funcións en 42 concellos até xuño

O circuíto autonómico ofrecerá 307 espectáculos no primeiro semestre do ano, con sete estreas e un orzamento próximo aos 1,29 millóns de euros, un 5,6% máis ca en 2025.
Teatro
15 Jan 2026

A Rede Galega de Teatros e Auditorios inicia a súa programación de 2026 cunha primeira cartelera semestral que inclúe 307 funcións en 42 concellos das catro provincias galegas até o mes de xuño. O circuíto, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e polas entidades locais asociadas, dispón dun orzamento de preto de 1,29 millóns de euros, un 5,6% máis ca no mesmo período de 2025.

A programación reúne 102 compañías escénicas e grupos musicais e ofrece unha ampla variedade de disciplinas. O teatro continúa a ser o eixo central da Rede, con 236 funcións, ás que se engaden 29 espectáculos de danza, 23 actuacións musicais, 12 propostas de circo e 7 de maxia.

Entre os principais atractivos deste semestre destacan sete estreas da tempada escénica galega, con montaxes de compañías como Fran Sieira Compañía de Danza, Ibuprofeno Teatro, De Ste Xeito Producións, Os Náufragos Teatro, Artyc Content, Talía Teatro ou Carlota e Compañía.

A Rede suma tamén este ano ao Concello de Outes, que se incorpora por primeira vez ao circuíto autonómico e acollerá tres espectáculos na súa Casa da Cultura durante o mes de febreiro.

⚙ Configurar cookies
0.48586392402649