A Rede Provincial de Auditorios consolídase como motor cultural en Ourense con 56 concellos adheridos

No ano 2025, a Deputación destinou 150.000 euros a esta inicativa, coa que se realizaron máis de 110 actuacións nos distintos espazos culturais, cunha asistencia global que superou os 7.500 espectadores
balance-reaou
17 Dec 2025

A Deputación de Ourense avaliou esta semana o funcionamento da Rede Provincial de Auditorios e Espazos Culturais (REAOU), un programa que desde 2017 promove a cooperación cos concellos para achegar unha programación cultural estable a toda a provincia.

A reunión de seguimento tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel e estivo presidida polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, xunto co director da Área de Cultura, Marcos Vázquez. Durante o encontro analizáronse as actividades desenvolvidas ao longo de 2025, así como a planificación conxunta da programación provincial, e abriuse a porta á continuidade do programa no vindeiro ano.

Ao longo de 2025, a Deputación destinou á REAOU un orzamento de 150.000 euros, que se completou coas achegas dos concellos participantes. O nivel de cofinanciamento municipal situouse entre o 25 % e o 60 %, en función do caché e da procedencia dos artistas, cunha achega media da institución provincial duns 3.000 euros por concello.

Na actualidade, a Rede conta con 56 concellos adheridos, tras sumar 16 novas incorporacións nos últimos catro anos. Durante este exercicio realizáronse máis de 110 actuacións nos distintos espazos culturais, cunha asistencia global que superou os 7.500 espectadores.

Entre as actividades con maior acollida figuran propostas como Cine na rúa, ademais de concertos e espectáculos teatrais de compañías galegas recoñecidas, reforzando o apoio á cultura de proximidade. A Deputación encárgase tamén da produción dos materiais promocionais e da difusión da programación a través das redes sociais da REAOU, co obxectivo de ampliar o seu alcance en toda a provincia.

“A REAOU constitúe unha ferramenta clave para garantir o acceso á cultura en igualdade de condicións en todo o territorio, especialmente no rural, ao tempo que fomenta a colaboración institucional e o desenvolvemento cultural da provincia de Ourense”, destacou o deputado de Representación Institucional. Pola súa banda, Marcos Vázquez cualificou o balance anual como “extraordinariamente positivo para a dinamización cultural da provincia”.

⚙ Configurar cookies
0.24902892112732