A representación do persoal rexeita o ERTE de 318 días de Arteixo Telecom cunha concentración nas Pontes

Un dos aspectos que máis preocupa á parte social é a negativa da empresa a incorporar unha cláusula de garantía de emprego unha vez remate o período de suspensión
concentracion-traballadores-arteixo-telecom-as-pontes
29 Jul 2026

A representación das persoas traballadoras de Arteixo Telecom expresou o seu rexeitamento ao Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) presentado pola empresa, que prevé afectar á totalidade do cadro de persoal durante un período de 318 días. Os representantes sindicais consideran que a dirección está a trasladar ás traballadoras e traballadores o peso dunha decisión de gran impacto sen asumir compromisos que garantan o futuro do emprego.

Segundo denuncian, un dos aspectos que máis preocupa á parte social é a negativa da empresa a incorporar unha cláusula de garantía de emprego unha vez remate o período de suspensión, unha medida que consideran fundamental para ofrecer seguridade ao persoal.

A representación sindical sostén tamén que as propostas formuladas pola empresa durante o período de consultas son insuficientes para paliar as consecuencias económicas e sociais do expediente. Neste sentido, critican que a dirección rexeite adoptar medidas que minimicen a perda de ingresos das persoas afectadas e que permitan afrontar con maiores garantías un ERTE dunha duración tan prolongada.

Os representantes dos traballadores defenden que un expediente destas características debería ir acompañado de compromisos reais tanto no mantemento do emprego como na mellora das condicións económicas durante a súa aplicación. Ao seu xuízo, sen esas garantías a proposta resulta "inxusta e desproporcionada".

Por este motivo, reiteran o seu rexeitamento ao ERTE nos termos actuais e instan a Arteixo Telecom a rectificar a súa postura, adoptando medidas que protexan os postos de traballo e os dereitos do conxunto do persoal. Aseguran que a defensa do emprego e das condicións laborais debe ser unha prioridade e que non pode recaer exclusivamente no sacrificio das persoas traballadoras.

No marco das mobilizacións, a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT Ferrol convocou unha concentración diante do centro de traballo da empresa, situado no polígono industrial da Penapurreira, nas Pontes, para amosar o seu rexeitamento á decisión empresarial. Ademais, a representación do persoal non descarta promover novas medidas de protesta para dar visibilidade ao conflito.

0.31928706169128