A Ría da Estrela aposta polas peregrinacións marítimas como exemplo de tradición, cultura, mar e espiritualidade

A Ría da Estrela presentou en FITUR a VI Ruta Náutica Rías Baixas–Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e o I Raid Marítimo Baiona–Santiago, dúas propostas que reforzan o turismo náutico, cultural e espiritual con conexións históricas cara Portugal.
Peredrinacion Maritima
23 Jan 2026

A Ría da Estrela volve posicionarse como un destino de referencia para o turismo náutico coa presentación en FITUR de dúas importantes peregrinacións marítimas que combinan tradición, cultura, mar e espiritualidade: a VI Ruta Náutica Rías Baixas–Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, que se celebrará do 29 de xuño ao 4 de xullo, e o I Raid Marítimo Baiona–Santiago, previsto do 29 de agosto ao 3 de setembro.

O acto estivo presidido por Luís Oujo, presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia, e contou coa participación de Roberto Ciambetti, Belén do Campo, Monte Real Club de Yates de Baiona, representantes municipais da comarca e o delegado do Goberno en Galicia.

Durante a súa intervención, Luís Oujo convidou a descubrir a comarca como “un destino non masificado, comprometido cun turismo sostible e ordenado”, poñendo en valor a gastronomía, o patrimonio, a paisaxe e a identidade local. Destacou tamén “a gran potencialidade das peregrinacións marítimas e da conexión coa Vía Querinissima, que este ano nos permite medrar cara Portugal”, así como o investimento de 2,4 millóns de euros a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino da Ría de Muros Noia.

A VI Ruta Náutica Rías Baixas–Camiño da Ría de Muros Noia partirá do Monte Real Club de Yates de Baiona e percorrerá enclaves emblemáticos como Baiona, as Illas Cíes, Aldán, Ons, Combarro, a ría de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Muros e Portosín, antes de completar a peregrinación por terra ata Santiago de Compostela. A ruta, que este ano se estende a terras portuguesas, recupera a tradición histórica dos peregrinos que chegaban a Compostela por mar.

Pola súa banda, o I Raid Marítimo Baiona–Santiago inspírase na navegación histórica de mariñeiros como Pietro Querini e na Vía Querinissima, unha ruta cultural europea que conecta catorce países. Nesta modalidade, as embarcacións fondearán directamente nas rías galegas, e os participantes poderán iniciar o percorrido desde Oporto, con escalas en Esposende e Viana do Castelo.

Ambas rutas seguen o itinerario histórico recollido no estudo de historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia, recoñecido polo Arcebispado de Santiago para a concesión da Compostela ás persoas peregrinas que completen un mínimo de 100 millas náuticas e cheguen a pé a Santiago.

Estas iniciativas consolidan á Ría da Estrela como referente das peregrinacións marítimas en Europa, cun modelo que aposta pola calidade, a sustentabilidade e o respecto polo medio e pola experiencia espiritual e cultural do Camiño.

⚙ Configurar cookies
0.44495105743408