A ‘Romaría das Flores’ estrearase en Belvís coas Festas da Ascensión

O 31 de maio o Parque de Belvís acollerá unha xornada de música, gastronomía e xogos con bandas galegas, francesas e italianas, e espazo propio para crianzas.
Romaria Flores
13 May 2025

O Concello de Santiago estreará este ano unha nova cita dentro das Festas da Ascensión: a Romaría das Flores, que terá lugar o sábado 31 de maio no Parque de Belvís cunha ampla programación musical, actividades infantís e zona gastronómica desde a unha da tarde ata a medianoite.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e a concelleira de Xuventude, María Rozas, presentaron a actividade xunto cos promotores da produtora Tremendo Audiovisual, recuperando o espírito da antiga Romaría Pop.

No apartado musical, actuarán bandas galegas como Tona —con Miguel Cernadas (Terbutalina) á fronte— e Ulex, que presentan o seu disco Lonxe de ti, con rock e letras da nova xeración galega. Desde Cádiz chegará Yeli Yeli, un proxecto que mestura flamenco con electrónica, e De Ninghures, que presentarán o seu novo disco Feira. A representación internacional virá da man das francesas Alvilda, con power pop e punk yeyé, e os italianos The Peawees, icona do garaxe rock europeo. A festa pecharase co set da picadiscos Wanda Buluba.

A programación infantil incluirá espazo dinamizado por Xogos Miudiño e un concerto da coñecida Uxía Lambona e a Banda Molona.

A Romaría das Flores está organizada polas concellarías de Festas e Xuventude, producida por Tremendo Audiovisual, patrocinada por Deleite e apoiada por Estrella Galicia, Bodegas Lodeiros e Paco & Lola.

⚙ Configurar cookies
0.084862947463989