A Ruta dos Faros dos trens turísticos da Xunta, galardoada co Premio da Unión Internacional de Ferrocarrís

A Ruta dos Faros, unha das propostas máis emblemáticas do programa Trens Turísticos de Galicia, promovido pola Xunta en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), vén de ser distinguida co premio ‘Tourism-Friendly’ na categoría de viaxes de curta distancia outorgado pola Unión Internacional de Ferrocarrís (UIC).
Os Premios UIC TopRail de Turismo distinguen os mellores destinos ferroviarios de 2025 e recoñecen o liderado na creación de experiencias únicas, sostibles e inclusivas para as persoas viaxeiras.
Desde Turismo de Galicia salientouse que este galardón consolida unha iniciativa que cada ano esperta máis interese entre as visitantes, permitindo descubrir os principais recursos turísticos galegos —paisaxes, patrimonio, historia e cultura vitivinícola— a bordo de trens temáticos.
Durante 2025, o programa de Trens Turísticos ofreceu 13 rutas e 2.530 prazas, acadando un 92,15% de ocupación media. As rutas que esgotaron practicamente todas as súas prazas foron as dos Queixos, Ribeira Sacra-Miño, Rías Baixas, Ribeira Sacra-Sil e Faros.
A Ruta dos Faros, que se desenvolve entre xuño e setembro, rexistrou unha ocupación case total. O itinerario percorre o norte de Galicia e inclúe visitas a Cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o Santuario de Santo André de Teixido, o Cabo Estaca de Bares, Viveiro e os cantís de Loiba, ofrecendo unha experiencia que combina natureza, patrimonio e mar.