A sala Ártika de Vigo ofrecerá 29 espectáculos ata final de ano co apoio da Xunta

A Sala Ártika de Vigo presentou a súa programación para o último cuadrimestre de 2025, que contará con 47 funcións de 29 compañías de danza, teatro, narración oral, improvisación e música. A Xunta apoia esta programación cunha achega de 75.000 euros, ao abeiro das subvencións para o funcionamento de salas privadas de artes escénicas con aforo inferior a 150 localidades.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación xunto a Marcos Alonso, fundador da sala, e destacou a capacidade de xestión e planificación do espazo, que tamén conta cunha axuda de case 42.000 euros para a produción de O libro da selva, o musical, da compañía residente Ártika Cía.
A tempada arrancará cun festival de teatro amador e continuará co VI Festival Comediártiko, espectáculos familiares e propostas de compañías de dentro e fóra de Galicia. No Nadal celebrarase o XI Festival Pequeártiko con nove espectáculos para a cativada.
Como novidade, tamén se porá en marcha o ciclo musical Cámara Ártika, que acollerá concertos o primeiro venres de cada mes no ambigú da sala. As entradas xa están dispoñibles na web da sala.