A Sala Capitol acollerá a final do Track Zero Fest, un certame para descubrir talento musical novo en Galicia

A plataforma de talento novo Más Debate e a Sala Capitol presentaron hoxe o Track Zero Fest 2025, unha competición dirixida a descubrir e apoiar músicos e bandas emerxentes en Galicia. O certame conta co patrocinio da empresa galega Plexus Tech e entregará un premio valorado en máis de 15.000 €, que inclúe a gravación íntegra do primeiro disco do grupo ou artista gañador, así como a organización da súa primeira xira.
A gran final celebrarase o vindeiro 6 de setembro na emblemática Sala Capitol de Santiago de Compostela, e contará con seis finalistas que terán pasado por dúas fases previas: unha selección técnica a cargo do xurado e unha votación do público en redes sociais, onde se subirán as maquetas de 20 semifinalistas.
Poden participar artistas individuais ou grupos sempre que teñan entre 18 e 35 anos e non teñan gravado discos profesionais nin asinado con discográficas. Os participantes individuais deben ser galegos ou residir en Galicia, e no caso dos grupos, polo menos o 75 % dos seus integrantes debe cumprir ese requisito.
Desde a organización destacan a importancia do proxecto como “unha gran ampliación das oportunidades para artistas en Galicia” e “un revulsivo para o panorama cultural na comunidade”. Pola súa parte, a Sala Capitol celebra esta aposta polo futuro da música.
As inscricións xa están dispoñibles na web www.masdebate.es e permanecerán abertas ata o 15 de xullo.