A Selección Galega de Fútbol Gaélico, a só 3.000 euros de cumprir o obxectivo para acudir aos World Games

Galicia acudirá a este campionato cunha expedición formada por 62 persoas entre xogadores, xogadoras e técnicos, a máis numerosa da súa historia nun evento destas características
seleccion-galega-futbol-gaelico
9 Jul 2026

A Selección Galega de Fútbol Gaélico afronta a recta final da súa campaña de financiamento colectivo con resultados que superan todas as previsións iniciais. A falta dunha semana para o peche do crowdfunding, previsto para este venres 10 de xullo, o proxecto está a tan só 3.000 euros de completar o orzamento necesario para participar nos World Games 2026, a competición internacional máis importante desta disciplina deportiva.

A iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico logrou mobilizar xa a máis de 170 persoas doantes e sumar o apoio de máis de 70 empresas, comercios, asociacións, entidades e profesionais autónomos a través da campaña Empresas Amigas, que pechou cun balance moi superior ao esperado.

As achegas chegaron non só desde distintos puntos de Galicia, senón tamén doutras comunidades do Estado e mesmo de Irlanda, un respaldo que, segundo destacan desde a organización, reflicte o forte sentimento de pertenza e o apoio social que rodea á selección galega no ámbito internacional.

O custo total da participación nos World Games ascende a arredor de 35.000 euros. Grazas á resposta recibida nas últimas semanas, a campaña está moi preto de alcanzar a cifra necesaria para garantir que ningún integrante da expedición quede fóra por motivos económicos e que os equipos galegos poidan competir nas mellores condicións posibles.

A cita mundialista celebrarase entre os días 13 e 17 de xullo na cidade irlandesa de Waterford, onde se reunirán máis de 2.000 deportistas e membros dos corpos técnicos procedentes dos cinco continentes. A competición desenvolverase nas instalacións da South East Technological University (SETU) e culminará coas finais no histórico estadio Walsh Park.

Galicia acudirá a este campionato cunha expedición formada por 62 persoas entre xogadores, xogadoras e técnicos, a máis numerosa da súa historia nun evento destas características.

A Selección Galega de Fútbol Gaélico conta cunha traxectoria consolidada no panorama internacional desde a súa creación en 2012. O equipo participou en varias edicións dos World Games, celebradas en cidades como Abu Dhabi, Dublín, Waterford ou Derry, converténdose nunha das seleccións máis activas fóra de Irlanda.

O maior éxito deportivo chegou en 2018, cando a selección feminina conquistou o título europeo no GaelicEuro disputado en Lorient. Desde entón, os combinados galegos mantiveron unha presenza constante en competicións internacionais, acadando tamén destacados resultados nos últimos anos.

Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico subliñan que a participación nos World Games vai máis aló do aspecto deportivo, xa que supón unha oportunidade para proxectar internacionalmente Galicia, a súa cultura e a súa lingua a través dun deporte que non deixa de medrar no país.

A campaña de crowdfunding permanecerá aberta ata o venres 10 de xullo. As persoas que decidan colaborar nestes últimos días poderán acceder a distintas recompensas oficiais da Selección Galega elaboradas en colaboración coa marca galega Acontravento, entre as que se inclúen diferentes artigos exclusivos vinculados ao combinado galego.

0.35841012001038