A Selección Galega de Fútbol Gaélico lanza unha campaña para financiar a súa participación nos Xogos Mundiais

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico puxo en marcha unha campaña de crowdfunding destinada a recadar fondos para apoiar a participación das seleccións galegas masculina e feminina nos World Games de Waterford, Irlanda, a competición internacional máis importante do fútbol gaélico fóra da illa irlandesa.
A iniciativa estará activa entre o 4 de xuño e o 10 de xullo e ten como obxectivo facilitar que todas as persoas seleccionadas poidan formar parte da expedición independentemente da súa situación económica, ademais de contribuír a que os equipos galegos compitan nas mellores condicións posibles.
Os World Games reunirán este verán en Waterford a preto de 200 equipos e seleccións procedentes dos cinco continentes, converténdose no maior escaparate mundial deste deporte. Galicia chega á cita tras consolidarse nos últimos anos como unha das principais referencias internacionais do fútbol gaélico fóra de Irlanda.
A selección galega naceu en 2012 como resultado do crecemento experimentado por esta disciplina deportiva en Galicia. Pouco despois comezou a competir no ámbito internacional grazas ao recoñecemento da Asociación Galega de Fútbol Gaélico dentro da estrutura europea da Gaelic Athletic Association (GAA).
Desde entón participou en diversas edicións dos GAA World Games, celebradas en cidades como Abu Dhabi, Dublín ou Derry, consolidando unha traxectoria de éxito que alcanzou un dos seus fitos máis destacados en 2018, cando a selección feminina se proclamou campioa de Europa no GaelicEuro disputado en Lorient.
Nos últimos anos, os combinados galegos mantiveron unha presenza constante nas principais competicións continentais, acadando tamén importantes resultados, entre eles varios subcampionatos europeos en 2025.
Máis aló do aspecto deportivo, a Asociación destaca que a presenza de Galicia nos Xogos Mundiais constitúe unha oportunidade para proxectar internacionalmente a cultura, a lingua e a identidade galegas, ao tempo que promove valores como o traballo en equipo, a igualdade, o esforzo e a solidariedade.
Un crowdfunding aberto á cidadanía
A campaña de financiamento colectivo está aberta á participación de toda a sociedade galega. As persoas interesadas poden colaborar mediante doazóns libres ou optar por diferentes modalidades de achega que inclúen recompensas exclusivas relacionadas coa Selección Galega.
Entre os incentivos previstos figuran distintos artigos de roupa oficial facilitados grazas á colaboración da marca galega Acontravento, que se sumou á iniciativa para apoiar o proxecto.
Paralelamente, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico activou o programa Empresas Amigas, unha proposta dirixida a empresas, autónomos, asociacións e entidades interesadas en colaborar co financiamento da participación galega nos World Games.
A iniciativa permanecerá aberta ata o 28 de xuño e permitirá ás entidades colaboradoras formar parte da rede oficial de patrocinadores da Selección Galega, obtendo visibilidade a través das diferentes accións de comunicación e promoción vinculadas ao combinado nacional.
Segundo a organización, trátase dunha oportunidade para que pequenas e medianas empresas asocien a súa imaxe a un proxecto deportivo e social que representa a Galicia no exterior e promove valores positivos vinculados ao deporte e á cultura galega.