A suba do paro en agosto evidencia a precariedade e a estacionalidade do mercado laboral galego

O mes de agosto pechouse en Galiza cun aumento de 1.833 persoas paradas máis e con 2.280 afiliacións menos á Seguridade Social, segundo os datos publicados polo SEPE. Estas cifras confirman, segundo a CIG, a estacionalidade e a precariedade do mercado laboral galego, cun modelo vinculado ao turismo que non garante condicións dignas nin estabilidade.
A perda de emprego afectou sobre todo á educación, que perdeu 1.918 afiliacións nun só mes, e ás actividades profesionais e administrativas, mentres que sectores como a hostalaría e o comercio experimentaron incrementos que non foron suficientes para compensar o retroceso xeral.
Paco Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, advertiu que agosto foi o mes no que menos contratos indefinidos se rexistraron —uns 15.000—, mentres que os temporais medraron en todo o período estival. Ademais, os contratos fixos son maioritariamente a tempo parcial, o que impide ás persoas traballadoras cubrir as súas necesidades económicas.
A central sindical reclama a derrogación da reforma laboral de 2012 para frear o abaratamento do despedimento, e denuncia tamén que a reforma de 2021 non corrixiu a parcialidade abusiva.
Galiza conta actualmente con 109.691 persoas en paro rexistradas, das cales 43.595 corresponden á provincia da Coruña, 10.660 á de Lugo, 13.345 á de Ourense e 42.091 á de Pontevedra.