A terceira edición de “Vigo en 90 segundos” anima a captar a cidade en movemento

O certame impulsado pola Vigo Film Office propón retratar a cidade como un escenario cheo de vida, creatividade e dinamismo
Vigo en 90 Segundos
14 Oct 2025

A Vigo Film Office lanza a terceira edición do concurso de curtametraxes “Vigo en 90 segundos”, un certame aberto a toda a cidadanía que convida a captar o espírito dunha cidade en continuo movemento. O prazo para participar remata o 20 de novembro.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá a nova edición do concurso “Vigo en 90 segundos”, organizado pola Vigo Film Office, que transforma a cidade nun inmenso plató de rodaxe aberto. Nesta terceira convocatoria, o reto é retratar a “Vigo, cidade en movemento”, unha cidade que corre en Balaídos, vibra nos concertos, sobe polas ramplas mecánicas e se reinventa cada día porque, segundo destacou o rexedor, “Vigo non queda quieta nunca”.

Caballero explicou que o concurso está aberto a todas as persoas, desde cineastas en potencia até creadoras de TikTok, estudantes ou afeccionadas. “Só fai falta unha cámara ou un móbil e moitas ganas de rodar”, apuntou.

O prazo de inscrición e entrega das curtametraxes estará aberto do 20 de outubro ao 20 de novembro a través da web www.vigofilmoffice.com
. Ademais, o público poderá votar as súas pezas favoritas en Instagram entre o 24 e o 30 de novembro.

Os premios entregaranse o 20 de decembro no MARCO, con máis de 2.500 euros en tarxetas regalo repartidos en diferentes categorías, recoñecendo a creatividade e o talento audiovisual local.

⚙ Configurar cookies
0.30083608627319