A terceira poxa pública de Rubia Galega no CIAM pecha coa venda dos 44 exemplares e unha recadación de 146.150 euros

A terceira edición da poxa pública de gando de raza Rubia Galega celebrada no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) concluíu coa adxudicación da totalidade dos 44 animais postos á venda a un total de 19 explotacións gandeiras.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu á xornada e destacou o éxito da convocatoria, que acadou unha recadación total de 146.150 euros. Esta cifra supón un incremento do 55 % respecto ao prezo de saída e destinarase a continuar impulsando as liñas de investigación xenética da raza Rubia Galega que se desenvolven no CIAM.
Durante o acto, Alemparte sinalou que estes resultados reflicten o interese do sector polos animais procedentes do programa de mellora xenética da raza Rubia Galega e asegurou que constitúen un exemplo de como a investigación pública se transforma en oportunidades para as explotacións gandeiras galegas, contribuíndo á súa competitividade e rendibilidade.
Na poxa inscribíronse 47 explotacións interesadas. Segundo destacou a Consellería do Medio Rural, tanto este nivel de participación como a adxudicación da totalidade dos lotes consolidan esta iniciativa como unha ferramenta para trasladar ao sector os avances obtidos a través da investigación pública.
A maior poxa da xornada correspondeu a unha femia xestante, que foi adxudicada por 5.550 euros, unha cifra que, segundo a Consellería, evidencia o elevado valor que os gandeiros conceden a este tipo de exemplares.
Os animais ofertados proceden do programa de selección e mellora xenética da raza Rubia Galega que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Trátase de exemplares cun alto valor xenético, resultado dos traballos de investigación orientados á recuperación das aptitudes maternais da raza, á conservación da súa variabilidade xenética e á mellora das súas prestacións produtivas.
O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo leva a cabo diferentes investigacións relacionadas coa raza autóctona Rubia Galega co obxectivo de favorecer a súa mellora xenética, preservar a pureza da raza e contribuír á rendibilidade e sustentabilidade das explotacións gandeiras. O centro conta cun dos rabaños de Rubia Galega máis importantes de Galicia, integrado no programa de selección da raza, o que permite obter material xenético de alto valor que posteriormente se transfire ao sector mediante iniciativas como esta poxa pública.
A Xunta sinala que actuacións deste tipo reforzan o seu compromiso cun modelo de investigación aplicada orientado á transferencia de coñecemento, á conservación das razas autóctonas e á mellora da competitividade do sector gandeiro galego.