A tormenta deixa máis de 1.000 raios, fortes choivas e un acusado descenso das temperaturas en Galicia

As precipitacións provocaron tamén inundacións puntuais en varias rúas da cidade da Coruña, incluído o paseo marítimo, e afectaron o recentemente inaugurado mercado de Monte Alto
CORUÑA inundacion paseo
27 Aug 2026

A borrasca que afectou onte a Galicia deixou unha xornada marcada polas fortes precipitacións, a actividade eléctrica e un notable descenso das temperaturas, especialmente nas zonas do interior. En Cabeza de Manzaneda, o termómetro chegou a marcar apenas 5,2 graos ás 14.30 horas, o valor máis baixo rexistrado durante a xornada en Galicia.

A situación foi especialmente fría no interior, con numerosos puntos nos que as temperaturas se mantiveron por debaixo dos 15 graos. En Baltar rexistráronse 9,8 graos durante a madrugada, mentres que ao mediodía Cuntis marcou 10,7, Calvos de Randín 10,9 e Riós e Viana do Bolo 11,3 graos. En Manzaneda, ás 16.00 horas, o termómetro aínda se situaba nos 6,1 graos.

En contraste, as temperaturas máis elevadas concentráronse de maneira puntual en zonas da Mariña e nalgunhas áreas do Miño. Salceda de Caselas alcanzou os 24,6 graos, seguida de Lourenzá, con 23,4, Arbo, con 23,3, Salvaterra do Miño, con 23,2, e Ourense, con 23,1 graos.

A choiva foi outro dos protagonistas da xornada, especialmente na provincia da Coruña. Cee acumulou 71,7 litros por metro cadrado, mentres que Vimianzo rexistrou 55,8 litros e Camariñas 45,3, segundo os datos de Meteogalicia recollidos ata as 17.30 horas.

As precipitacións provocaron tamén inundacións puntuais en varias rúas da cidade da Coruña, incluído o paseo marítimo, e afectaron o recentemente inaugurado mercado de Monte Alto.

A tormenta deixou ademais unha intensa actividade eléctrica durante a tarde. Meteogalicia contabilizou 1.076 raios desde as 16.00 horas, cunha especial concentración entre as 18.00 e as 19.00 horas, cando se rexistraron 334 descargas.

A xornada estivo condicionada pola presenza dunha borrasca situada ao noroeste da Península e polos avisos meteorolóxicos activados en diferentes puntos de Galicia. Para hoxe mantense a situación de inestabilidade, con alerta amarela por fortes choivas en Pontevedra e Ourense e no interior da Coruña, onde se prevén novamente chuvascos localmente intensos.

0.33793807029724