A UDC reorganiza o seu equipo de Goberno coa creación dunha nova Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial

A universidade tamén renova os titulares das áreas de Economía e Planificación Estratéxica, Profesorado, Estudantes e Empregabilidade e a Xerencia
A CORUÑA udc consello goberno xuño 2026
31 Aug 2026

A Universidade da Coruña (UDC) reorganiza a estrutura do seu equipo de Goberno coa creación dunha nova Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial, unha área que terá como obxectivo situar a planificación do uso das tecnoloxías dixitais, especialmente da intelixencia artificial, no centro da acción de goberno da institución.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, asinou este luns os novos nomeamentos correspondentes a catro vicerreitorías e á Xerencia, no marco da remodelación do equipo anunciada o pasado mes de xuño. A nova estrutura será efectiva desde este martes, 1 de setembro, cando os novos titulares tomen posesión dos seus cargos, e permitirá afrontar a segunda parte do mandato coa vista posta no ano 2030.

A nova Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial estará dirixida por Laura Castro Souto, enxeñeira en Informática e doutora en Computación pola Universidade da Coruña. É docente no Grao en Enxeñaría Informática da UDC e investigadora no Grupo de Cidadanía Dixital.

Segundo explica a universidade, esta nova área pretende abordar o uso das tecnoloxías dixitais desde unha dobre perspectiva. Por unha banda, como administración pública, coa intención de mellorar os seus procesos e servizos; e, por outra, como institución académica comprometida coa xeración de coñecemento científico e tecnolóxico e coa súa transmisión á sociedade.

A reorganización tamén supón unha ampliación das competencias da actual Vicerreitoría do Campus de Ferrol, que pasará a denominarse Vicerreitoría do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social. Esta área integrará nun mesmo ámbito as políticas de cohesión territorial, igualdade, inclusión, cooperación e compromiso social.

Novos responsables

Ademais da creación desta nova vicerreitoría, a UDC incorpora cambios á fronte doutras áreas do equipo reitoral. Bruno Casal Rodríguez, doutor en Economía pola Universidade da Coruña e profesor titular no Departamento de Economía, asumirá a Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica.

Pola súa banda, Luis Hervella Nieto, doutor e profesor titular de Matemática Aplicada na Facultade de Informática e investigador do grupo M2NICA, será o novo responsable da Vicerreitoría de Profesorado.

A Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade quedará en mans de Alsira Salgado Don, doutora e profesora permanente laboral de Ciencias e Técnicas da Navegación na Escola Técnica Superior de Náutica. Finalmente, María Hernández García, doutora en Dereito e letrada no Concello da Coruña, será a nova responsable da Xerencia da universidade.

O resto do equipo reitoral continuará ao fronte das súas respectivas áreas. Así, Moisés Canle seguirá como vicerreitor de Titulacións e Internacionalización; Jerónimo Puertas, como vicerreitor de Investigación e Transferencia; Marta García, como secretaria xeral; Cristina Naya, como vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte; Sonia Vázquez, como vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade; e Ana Ares, á fronte da Vicerreitoría do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social.

A toma de posesión dos novos responsables terá lugar este martes, 1 de setembro, ás 10:00 horas na Reitoría da Universidade da Coruña, nun acto presidido polo reitor, Ricardo Cao.

0.38831901550293