A UNED Sénior Coruña abre a matrícula para o curso 2026/2027 en sete concellos das provincias da Coruña e Lugo

Durante este curso, estará presente nas localidades de Lousame, Brión, Cambre, Paderne, Guitiriz, Xermade e Monfero, grazas á colaboración dos respectivos concellos
uned-senior-coruna-paderne
28 Aug 2026

A UNED Sénior Coruña abre o período de matrícula para o curso académico 2026/2027, consolidando a súa presenza en diferentes concellos e achegando a Universidade ás persoas maiores de 55 anos que desexan continuar aprendendo, formándose e participando activamente na vida cultural e social do seu contorno.

O programa universitario está dirixido a persoas maiores de 55 anos, sen necesidade de contar cunha titulación universitaria previa, e ofrece a posibilidade de acceder a novos coñecementos e experiencias dentro dun marco universitario, cultural e participativo. As actividades comezarán no mes de outubro.

Durante este curso, a UNED Sénior Coruña estará presente nas localidades de Lousame, Brión, Cambre, Paderne, Guitiriz, Xermade e Monfero, grazas á colaboración dos respectivos concellos. A iniciativa permite achegar a Universidade ao territorio e evitar que a distancia xeográfica sexa un obstáculo para as persoas interesadas en continuar a súa formación.

En Lousame impartirase a materia de Recuperación da Música Popular Lousamiá, mentres que en Brión ofrecerase Saberes Labregos e Agroecoloxía. En Cambre haberá formación en Novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e Historia da Arte Occidental e o seu reflexo en Galicia.

Paderne contará con Cultura Musical de Galicia, Novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Actividade Física e Incidencia na Saúde II e Saúde Pública e Envellecemento Activo. En Guitiriz, a oferta inclúe Inglés e Cultura Musical de Galicia.

En Xermade, concretamente en Momán, impartiranse Saúde Pública e Envellecemento Activo, Cultura Musical de Galicia e Novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións II. En Monfero, tanto en Alto de Xestoso como en Val de Xestoso, ofrecerase Actividade Física e Incidencia na Saúde.

A programación complétase coa materia Historia da Arte e Patrimonio Artístico, na que participan Xermade, Guitiriz, Monfero e Paderne, así como alumnado procedente de Ferrol, Neda e As Pontes. Trátase dunha proposta de carácter itinerante que permitirá coñecer directamente o patrimonio histórico e artístico de Galicia e do norte de Portugal mediante diferentes percorridos culturais en autobús.

A oferta da UNED Sénior Coruña abrangue ámbitos como a historia, a arte, a música, a cultura galega, as novas tecnoloxías, a saúde, a actividade física, a agroecoloxía e os idiomas. Ademais da adquisición de coñecementos, o programa busca favorecer o envellecemento activo, a participación social, as relacións interpersoais e a achega á cultura e ao patrimonio.

A implantación da UNED Sénior fóra da cidade da Coruña é posible grazas á colaboración dos concellos e entidades locais, que poñen as súas instalacións á disposición do programa e facilitan o acceso da poboación a esta oferta universitaria. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Consello de Anciáns de Xestoso Cambas e da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula e consultar a información sobre materias, horarios, lugares de impartición e condicións de matrícula a través dos respectivos concellos colaboradores e das sedes onde se desenvolve o programa. Cada concello informará dos procedementos concretos de matrícula correspondentes ás materias que se impartan na súa localidade.

A programación desenvolverase ao longo do curso académico 2026/2027, de acordo co calendario establecido para cada sede. Na Coruña, a matrícula da materia «Os divertidos romanos» xa está en marcha. A información sobre as materias que se desenvolverán na sede da rúa Educación poderá consultarse na web da UNED Sénior Coruña.

O programa afronta así un novo curso coa intención de achegar a universidade, a cultura e a aprendizaxe permanente ás persoas maiores de 55 anos, especialmente no medio rural, onde a educación e a participación social poden contribuír a combater o illamento e dinamizar a vida cultural dos municipios.

0.24075889587402