A Unidade Móbil de Radioloxía da área sanitaria de Santiago e Barbanza leva antendidos preto de 5.700 pacientes desde 2024

A unidade dá cobertura aos concellos de Ordes, Trazo, Frades, Tordoia, Mesía e Santa Comba, desprazándose entre eles durante a semana para atender a preto de 32.000 persoas
camaño-uidade-mobil-radioloxia-barbanza
2 Dec 2025

O conselleiro de Sanidade, Atonio Gómez Camaño, destacou este martes nunha visita a Ordes o proxecto pioneiro da Unidade Móbil de Radioloxía da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que desde a súa posta en marcha en novembro de 2024 realizou case 6.200 probas a preto de 5.700 pacientes. A unidade, que contou cun investimento de preto de 370.000 euros, naceu co obxectivo de reforzar a atención primaria, considerado “o corazón do sistema sanitario”.

Esta unidade móbil dá cobertura aos concellos de Ordes, Trazo, Frades, Tordoia, Mesía e Santa Comba, desprazándose entre eles durante a semana para atender a preto de 32.000 persoas. Segundo destacou o conselleiro, esta iniciativa representa “un exemplo claro da aposta da Xunta pola descentralización dos servizos sanitarios e por achegar e reforzar a asistencia en zonas rurais, onde hai unha gran dispersión e unha poboación envellecida”.

Un dos grandes beneficios da unidade é que evita unha media de 100 desprazamentos semanais para que os pacientes poidan acceder aos servizos de radioloxía especializada, o que supón unha redución importante nas emisións contaminantes equivalentes a percorrer máis de 6.000 km en estrada. Isto reflicte, segundo Gómez Caamaño, “o forte compromiso da sanidade pública galega coa sustentabilidade”.

A unidade móbil, financiada a través do Plan de Mellora das Infraestruturas de Atención Primaria do Ministerio de Sanidade (MINAP), está equipada con tecnoloxía avanzada, incluíndo radioloxía dixital e sistemas de intelixencia artificial para apoiar a precisión diagnóstica. En palabras do conselleiro, isto permite “facilitar o acceso ás probas ao tempo que se reforza a capacidade resolutiva da atención primaria”.

Durante a visita á unidade, acompañaron ao conselleiro a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio. Gómez Caamaño puxo en valor “o traballo dos profesionais de atención primaria e dos servizos de radioloxía, que están a facer posible que proxectos coma este funcionen con rigor e calidade”.

Finalmente, o conselleiro aproveitou para lembrar a situación de falta de médicos que afecta a todo o Estado e destacou que “o compromiso dos profesionais sanitarios é o que garante que a atención se manteña e mellore, especialmente en épocas como as invernais, nas que a presión asistencial sobe por mor da gripe”. Fixo un chamamento á cidadanía para vacinarse e protexer así a saúde pública.

⚙ Configurar cookies
0.34509921073914