A Universidade da Coruña liderará un proxecto para reconstruír a evolución dos linces europeos a través de ADN antigo

A investigación analizará restos fósiles de tres especies que habitaron o suroeste de Europa para coñecer a súa historia evolutiva e achegar novas claves para a conservación do lince ibérico
A CORUÑA udc lince
7 Aug 2026

A Universidade da Coruña porá en marcha durante os próximos tres anos o proxecto INTERLYNX, unha investigación que buscará reconstruír a historia evolutiva dos linces europeos mediante a análise de ADN e proteínas antigas conservadas en restos fósiles. A iniciativa recibiu financiamento da Axencia Estatal de Investigación dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.

O traballo estará liderado pola investigadora Beatriz Galindo Gloria González Fortes, adscrita ao Centro Interdisciplinar de Investigacións na Paisaxe Atlántica Cultural (CISPAC), e contará coa participación da profesora de Paleontoloxía Aurora Grandal d'Anglade e de Fernanda Rodríguez Fariña, responsable do Servizo de Bioloxía Molecular dos Servizos Centrais de Investigación da UDC. Ademais, colaborarán especialistas de universidades e centros de investigación de Dinamarca, Francia, Alemaña e Italia.

O proxecto centrarase nas tres especies de lince que habitaron o suroeste de Europa desde o Pleistoceno ata épocas históricas: o lince ibérico, o lince boreal e o desaparecido lince das cavernas. O obxectivo é determinar como evolucionaron, cal foi a relación entre elas e cando se produciron os procesos de hibridación detectados por investigacións recentes.

Para iso, o equipo analizará restos fósiles empregando técnicas de xenómica antiga, que permitirán comparar o ADN das distintas poboacións e reconstruír as súas relacións evolutivas. A investigación tamén incluirá estudos de isótopos estables para coñecer as condicións ambientais nas que viviron estes animais e comprender como se adaptaron aos cambios climáticos ao longo de miles de anos.

Segundo explican as investigadoras, os resultados permitirán coñecer mellor a historia evolutiva destes grandes felinos e poderán identificar información útil para futuros programas de conservación do lince ibérico en España e do lince boreal noutras zonas de Europa.

INTERLYNX consolida ademais a aposta da Universidade da Coruña pola investigación en ADN antigo. Desde 2023, a institución conta co único laboratorio de Galicia especializado neste tipo de análises e un dos poucos existentes en España con capacidade para estudar material xenético procedente de restos fósiles.

0.34323215484619