A Universidade de Vigo inicia unha nova campaña arqueolóxica na Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán

Os traballos, que se desenvolverán ata o 23 de xullo, buscan afondar no coñecemento das primeiras comunidades campesiñas do noroeste peninsular
geat-uuvigo-xacemento-lobarzan
14 Jul 2026

Un equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo iniciou este luns unha nova campaña de intervención arqueolóxica no xacemento da Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei. Os traballos prolongaranse ata o vindeiro 23 de xullo.

O proxecto está dirixido cientificamente por Diego Herrero, en colaboración con Beatriz Comendador, Eduardo Méndez, Mikel Díaz, Miguel Ángel Álvarez e Víctor Rodríguez Muñiz, mentres que a dirección arqueolóxica recae en Lucía Rodríguez, doutora pola Universidade de Vigo e investigadora da Universidade de Alcalá.

A actuación conta co financiamento da convocatoria Inou 2026, froito do convenio entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, así como coa colaboración do Concello de Monterrei.

Esta nova campaña dá continuidade á liña de investigación desenvolvida nos últimos anos pola Área de Prehistoria da Universidade de Vigo sobre as sociedades da Prehistoria recente no val transfronteirizo do Alto Támega, reforzando un proxecto ao que contribuíu de maneira destacada a tese doutoral de Lucía Rodríguez.

O principal obxectivo da intervención é ampliar o coñecemento sobre un asentamento prehistórico datado entre os milenios IV e III antes de Cristo, co fin de comprender mellor a organización das primeiras comunidades campesiñas do noroeste peninsular, a súa relación coa paisaxe e cos espazos simbólicos.

Os estudos realizados en campañas anteriores incluíron prospeccións xeofísicas mediante magnetómetro e unha sondaxe arqueolóxica que permitiron detectar diversas anomalías compatibles con estruturas de orixe humana. Nesta nova fase, o equipo tratará de confirmar a natureza destes restos e avanzar na interpretación da organización espacial e da funcionalidade do asentamento.

O xacemento destaca tamén pola presenza de pinturas rupestres esquemáticas, un elemento que incrementa o seu valor patrimonial e científico. A investigación pretende integrar o estudo destas manifestacións artísticas coa análise das estruturas arqueolóxicas para ofrecer unha visión máis completa da ocupación e do significado da paisaxe durante a Prehistoria recente.

Ademais da vertente científica, a campaña terá un importante compoñente formativo, coa participación de alumnado de grao e mestrado da Universidade de Vigo nas tarefas de campo e investigación. O proxecto inclúe tamén actividades de divulgación e educación patrimonial, como visitas guiadas ao xacemento e iniciativas destinadas a achegar á cidadanía o patrimonio arqueolóxico da comarca, cuxo calendario será anunciado nas próximas semanas.

0.25971007347107