A USC mantén por terceiro ano consecutivo a súa posición entre as 600 mellores universidades do mundo no Ránking de Shanghai

A Universidade de Santiago de Compostela continúa no intervalo 501-600 tras consolidar o ascenso acadado en 2024 desde o chanzo 601-700
facultade-veterinaria-lugo
15 Aug 2026

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantén por terceiro ano consecutivo a súa posición no intervalo 501-600 do Ránking de Shanghai, unha clasificación que reúne as mellores universidades do mundo. A institución compostelá consolida así a posición acadada en 2024, cando avanzou desde o intervalo 601-700 ata o actual.

O Academic Ranking of World Universities (ARWU), coñecido como Ránking de Shanghai, clasifica cada ano máis de 2.500 universidades e publica os resultados das 1.000 mellores.

Para establecer a clasificación, Shanghai emprega seis indicadores obxectivos. Entre eles figuran o número de persoal investigador altamente citado, os artigos publicados en revistas como Nature e Science, os traballos indexados no Science Citation Index-Expanded e no Social Sciences Citation Index, o rendemento por habitante de cada universidade e o número de antigos estudantes e membros do persoal que recibiron Premios Nobel ou Medallas Fields.

A posición da USC no Ránking de Shanghai compleméntase cos resultados acadados na edición 2025 do Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), coñecido como Ránking de Shanghai por materias. Nesta clasificación, a universidade compostelá apareceu destacada en 14 ámbitos temáticos.

Farmacia e Ciencias Farmacéuticas foi a disciplina con mellor posición, ao situarse no posto 45 do mundo e ocupar o primeiro lugar entre as universidades españolas.

A USC tamén quedou no intervalo 151-200 en Ciencias Medioambientais e Enxeñaría, Ciencias dos Alimentos e Tecnoloxía, Veterinaria e Odontoloxía.

No seguinte chanzo, entre os postos 201 e 300, situáronse Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Estatística e Ciencias Agrícolas. Pola súa banda, Física, Ecoloxía e Psicoloxía quedaron no intervalo 301-400.

Finalmente, Química e Xestión situáronse entre os postos 401 e 500 da clasificación internacional por materias.

0.3707320690155