A USC premia os mellores expedientes de Formación Profesional de Galicia nun acto en Lugo

Trátase de 227 estudantes de 54 centros de toda Galicia que estiveron na Facultade de Veterinaria
entrega-mellore-expedientes-fp-lugo
11 Jun 2026

“Hoxe celebramos os vosos excelentes resultados académicos, pero tamén algo que vai máis alá das cualificacións: celebramos o esforzo, a constancia, a capacidade de superación e o compromiso que vos trouxo ata aquí”. Con estas verbas se dirixiu a reitora Rosa Crujeiras ao estudantado que participou no acto co que a Universidade de Santiago de Compostela recoñece os mellores expedientes de Formación Profesional de Galicia. Trátase de 227 estudantes de 54 centros de toda a comunidade, a maioría dos cales asistiron á sesión que se desenvolveu este mércores 10 no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

Sabemos, explicou a reitora, que “detrás de cada expediente de excelencia hai moitas horas de estudo, de traballo e de dedicación”. Hai momentos de satisfacción, engadiu, “pero tamén dificultades que foi preciso superar. Por iso, este recoñecemento ten un valor especial: porque acredita non só o que aprendestes, senón tamén a vosa capacidade para perseverar e dar o mellor de vós”. Rosa Crujeiras fixo extensible a felicitación ao profesorado e ás familias que acompañaron cada proceso de aprendizaxe e detívose no paso decisivo que este estudantado deu ao presentarse á Proba de Acceso á Universidade (PAU).

A reitora puxo o foco en todo o que a USC pode achegarlles a partir deste intre e de cara aos vindeiros anos. “Este diploma recoñece o esforzo realizado ata agora, mais representa tamén un convite a seguir avanzando, a seguir aprendendo e a seguir confiando nas vosas capacidades”, dixo. Neste senso, lembroulles que se recalan na USC, atoparán “un lugar onde non só se aprenden respostas, senón tamén a formular boas preguntas. Onde se desenvolve o pensamento crítico, a creatividade e a vontade de seguir explorando novos camiños”. Ademais, continuou Rosa Crujeiras, “atoparedes unha comunidade formada por miles de estudantes, profesoras, profesores, investigadoras, investigadores e profesionais que comparten a curiosidade por aprender, a vontade de avanzar e o compromiso de contribuír a unha sociedade mellor”.

Sobresaínte

O acto, que novamente se desenvolve no Campus de Lugo, serve para homenaxear o estudantado dos ciclos superiores de Formación Profesional cunha nota media de sobresaínte. Na edición deste ano, foron convocados un total de 183 mulleres e 44 homes.

Ademais da reitora, integraron a mesa presidencial Roberto Bande, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo; Ana Cabana, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio; Marcelo Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento; Diana Fernández Méndez, delegada da reitora para Asuntos de Ensino Medio e Coordinadora do Programa A Ponte; José A. Díez de Castro, secretario xeral de Universidades; Alfonso Villares Bermúdez, delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo; Javier Vázquez Prado, concelleiro de Cultura e Educación do Concello de Lugo; Adelaida Saá Sarria, directora do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense), en representación do profesorado; e Noé Costoya López, estudante do IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), en representación do estudantado.

0.30867886543274