Lugo prepárase para a eclipse total de Sol con puntos de observación, actividades e un operativo especial

Lugo converterase o 12 de agosto nun dos lugares privilexiados para contemplar a eclipse total de Sol que poderá verse en Galicia.
A eclipse comezará ás 19.31.40 horas, cando a Lúa empece a ocultar parcialmente o Sol. O momento máis esperado chegará ás 20.28.02 horas, coa entrada na fase de totalidade, durante a que o astro quedará completamente oculto durante 83 segundos. Neste breve intervalo poderá observarse a coroa solar e tamén algúns planetas e estrelas visibles no ceo escurecido. O regreso da luz producirase progresivamente a partir das 20.28.45 horas e o fenómeno rematará ás 21.22.11 horas.
o Concello de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela ultimaron os preparativos da xornada mediante unha reunión de coordinación na que participaron representantes da USC, da Policía Local, dos Bombeiros, de Protección Civil e os concelleiros Agustín Gallego e Javier Vázquez, co obxectivo de garantir a seguridade, a mobilidade e o correcto desenvolvemento das actividades previstas.
O encontro serviu para pechar aspectos relacionados coa sinalización, a coordinación dos servizos municipais e de emerxencia e o dispositivo que se despregará nos distintos puntos habilitados para seguir a eclipse. A reunión culmina varios meses de traballo conxunto entre o Concello e a USC para preparar unha cita que aspira a converter Lugo nun dos principais referentes para a observación deste fenómeno astronómico.
No marco do proxecto ‘Eclipse 2026.8.12 en Lugo’, a cidadanía poderá seguir a eclipse desde o Parque Rosalía de Castro, o adarve da Muralla Romana e a Praza Maior. Os tres espazos abrirán ás 18.00 horas e contarán con persoal especializado para atender ao público, ademais de zonas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
ACTIVIDADES EN LUGO NO MARCO DA ECLIPSE
Entre as actividades programadas figuran o reparto de lentes homologadas para a observación da eclipse, observacións mediante telescopios solares e sistemas de proxección, unha pantalla xigante para seguir a evolución do fenómeno en directo e obradoiros dirixidos á rapazada para construír cámaras estenopeicas coas que observar o Sol de forma segura.
A organización insiste na necesidade de respectar as recomendacións de seguridade durante toda a observación. Así, lembra que as lentes homologadas deberán empregarse sempre que exista luz solar visible e que non se poden utilizar prismáticos, telescopios ou cámaras sen filtros solares específicos incorporados aos propios dispositivos.
Como actividade previa, a Casa do Saber acollerá ás 18.00 horas do 10 de agosto a charla-coloquio 'A eclipse solar total do 2026 en Lugo', impartida por Manuel Andrade Baliño, profesor de Astronomía e Astrofísica da USC e coordinador do proxecto. Durante a sesión explicaranse as características do fenómeno, as condicións de observación e o dispositivo preparado para a xornada.
A iniciativa inclúe tamén UMBRA, un proxecto fotográfico colectivo que busca crear un arquivo visual da eclipse en Lugo e na súa provincia. As imaxes seleccionadas formarán parte dunha exposición e dun fotolibro que recollerá diferentes perspectivas deste acontecemento histórico, desde escenas urbanas ata as reaccións da cidadanía durante a escuridade temporal provocada pola eclipse.
A maiores, o Concello colaborará coa instalación da pantalla xigante no Parque Rosalía de Castro, coa celebración dun concerto de Sonidonia, cunha nova sesión de Cine na Rúa coa proxección da película Amigos Imaginarios e cun pasarrúas a cargo de Kairanka polas rúas da Praza do Campo, Soidade e Rúa Nova.
Co obxectivo de facilitar a asistencia desde outras localidades, o proxecto ofrecerá transporte gratuíto desde Santiago de Compostela. O servizo sairá ás 10.30 horas desde o Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela e regresará desde Lugo ás 22.30 horas.
O proxecto ‘Eclipse 2026.8.12 en Lugo’ está impulsado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) da USC e conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, da FECYT, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, da Área de Cultura da Deputación de Lugo, do Concello de Lugo, de Caixa Rural Galega e da Sociedade Española de Astronomía.