A UVigo e NTT DATA crean unha cátedra para abordar os desafíos xurídicos da intelixencia artificial

A Universidade de Vigo e NTT DATA crearán a Cátedra NTT DATA de Intelixencia Artificial, Gobernanza e Dereito Público, NTT DATA GOVAI, co obxectivo de establecer un espazo de investigación, reflexión e proposta que permita anticiparse aos problemas xurídicos derivados da transformación tecnolóxica. A iniciativa busca contribuír ao desenvolvemento de modelos de gobernanza da intelixencia artificial que combinen innovación, responsabilidade e protección dos dereitos.
A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, e o director de NTT DATA Galicia, Alberto Borrego, asinaron este mediodía o convenio que permitirá poñer en marcha a cátedra. Esta prestará especial atención a cuestións como a transparencia e a explicabilidade dos sistemas algorítmicos, a supervisión e o control humano, a responsabilidade polas decisións automatizadas, a prevención de nesgos e discriminacións, a protección de datos e as garantías das persoas fronte aos riscos derivados do uso destas tecnoloxías. Tamén abordará a creación de espazos de datos no sector público.
A cátedra estará dirixida por Patricia Valcárcel Fernández, catedrática de Dereito Administrativo da UVigo, e permitirá conectar o coñecemento académico cos problemas reais que formula a transformación dixital mediante a colaboración entre a universidade e a empresa. A iniciativa impulsará a investigación aplicada, o deseño de políticas públicas, a formación especializada e a transferencia de coñecemento.
A súa dimensión práctica concretarase na creación dunha unidade de incubación e aceleración de proxectos LegalTech, destinada a acompañar e asesorar emprendedores, investigadores e startups no desenvolvemento e perfeccionamento xurídico de solucións tecnolóxicas complexas. Ademais, promoverase a participación en proxectos de I+D+i e consultoría, así como a identificación de posibles teses de doutoramento industriais orientadas a responder a necesidades tecnolóxicas específicas.
Formación e desenvolvemento de talento
No marco da Cátedra NTT DATA GOVAI organizaranse congresos, xornadas, seminarios, conferencias e obradoiros; impulsaranse publicacións científicas e de divulgación; e promoveranse visitas técnicas de estudantes a instalacións públicas e privadas, así como experiencias de aprendizaxe vinculadas ao ámbito empresarial.
Tamén se deseñarán materias e módulos formativos para impartir microcredenciais. O convenio contempla, ademais, a convocatoria dun premio anual para traballos de fin de grao e de mestrado, teses de doutoramento e estudos independentes relacionados coas liñas de actividade da cátedra.
Ao acto de sinatura do convenio asistiron, ademais da reitora da UVigo, Carmen García Mateo; o director de NTT DATA Galicia, Alberto Borrego; e a directora da cátedra, Patricia Valcárcel Fernández, por parte da empresa Esther Saavedra, Head of Public Sector & Health at NTT DATA – Galicia & Asturias, e Daniel Arosa, Director at NTT DATA Europe & LATAM | Public Procurement.
En representación da UVigo estiveron Rafael Fernández Acevedo, Juan Antonio Hernández Corchete, Santiago Salvador Gimeno e Teresa Roa Martínez.