A vendima da DO Rías Baixas alcanza a súa recta final coa edición máis madrugadora da súa historia

Un total de 26 auditores/veedores desempeñan o labor de control de orixe e calidade da uva que entra na adega nesta campaña 2026
vendima-rias-baixas
15 Sep 2026

A vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas supera o ecuador e encara a recta final. 45.803.000 kg de uva son as cifras que resumen o momento actual que vive a vendima 2026. Tras a semana de parón do 24 de agosto parece que a meteoroloxía quixo que a recollida fose tranquila, ordenada e selectiva para unha vendima que se caracterizou por ser a máis temperá da historia da Denominación de Orixe. As primeiras adegas comezaron cos traballos de viño base para espumosos e outras elaboracións o pasado 13 de agosto en Vedra, subzona de Ribeira do Ulla; uns días máis tarde sumáronse O Rosal, Condado do Tea e O Salnés.

Un total de 26 auditores/veedores desempeñan o labor de control de orixe e calidade da uva que entra na adega nesta campaña 2026. “Podemos dicir que a uva á súa entrada nas adegas ten un bo estado hixiénico-sanitario e unha gran calidade”, explica Agustín Lago, director técnico da Denominación de Orixe Rías Baixas, quen asegura que “o grao alcohólico e a acidez son correctas e, dadas as cifras e o desenvolvemento dos traballos, pódese dicir que se están cumprindo as previsións”.

O inicio deste ano situouse na subzona coruñesa e máis ao norte de Ribeira do Ulla, pero á zaga estiveron as subzonas do Rosal, Condado do Tea e O Salnés. Ata a data, as adegas da denominación recolleron en variedades brancas, ás que seguirán as tintas, estas últimas teñen un ciclo vexetativo máis longo.

A vendima na D.O. Rías Baixas caracterízase por realizarse a man na súa totalidade, polo que require de numerosa man de obra en momentos puntuais. Ademais, as normas de vendima tamén obrigan os viticultores a depositar as uvas en caixas de plástico alimentario de menos de 30 quilos para preservar a súa calidade ata a súa entrada na adega.

O ciclo vitícola na campaña 2026 estivo caracterizado por “un inverno cálido e moi húmido; e unha primavera moi cálida e moi seca (a cuarta máis seca desde que hai rexistros); cun mes de xuño extremadamente cálido e moi seco”. Estas condicións similares ás do pasado ano comprobaron unha taxa de brotación media do 90,3%, algo superior ao ano pasado, cun índice de fertilidade idéntico con 2,3 acios/xeima brotada. As mermas de produción non son significativas, sendo o valor medio do 10,6 % (o ano pasado foron do 5,5%), e repartidas entre: corremento de flor, xeadas, sarabia e vento, así como en pragas e enfermidades. O caloroso mes de agosto contribuíu á maduración óptima, adiantando a data de inicio.

A presente campaña conta con 178 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe é de 5.057 hectáreas, que son atendidas por 4.864 viticultores.

0.33340096473694