A Vicepresidencia da Deputación recupera a antiga Torre de Tor de Monforte

A antiga torre do Pazo de Tor, un dos conxuntos señoriais máis singulares da Ribeira Sacra e hoxe museo dedicado á cultura material galega, conta xa cunha intervención que garante a súa estabilidade estrutural. Este elemento, integrado no corpo principal do edificio, é unha das partes máis antigas do pazo e conserva trazas construtivas de grande interese histórico.
O proxecto pon en valor este elemento construtivo, contiguo o muro de peche do edificio principal do Pazo no seu lado leste. A estrutura conservada, con unha altura de 6,20 metros que correspondería a un primeiro piso da Torre, está chea de terra e soporta o peso dunha das galerías do Pazo.
As filtracións de auga e a presenza de vexetación xeraron abombamentos e o inicio de brechas, que se frearon con unha actuación provisional no 2024, e que se repuxeron completamente con esta nova intervención, que se realizou cos correspondentes controis arqueolóxicos.
Os traballos contemplaron a escavación por capas do recheo, a restauración dos paramentos, a impermeabilización da superficie e a creación dun acabado para o solado da Torre. A obra foi realizada pola entidade Restauraciones y Construcciones Luis J Sánchez SA.
O traballo realizado permitiu recuperar a verticalidade do paramento, estabilizar as fábricas interiores e mellorar o sistema de drenaxe, preservando a autenticidade da fábrica orixinal.
A Deputada de Cultura Iria Castro explicou que "se tratou dunha actuación en profundidade, para consolidar e por en valor os restos da fortaleza sobre a que se construíu o Pazo de Tor e que nos remiten ao século XIV" e sinalou que "os traballos que se realizaron permitirán coñecer mellor as características construtivas de este elemento arquitectónico que non recibiu unha atención acorde coa súa relevancia histórica".
O proxecto súmase a outras intervencións de conservación e avance que se realizaron no Pazo de Tor, como a restauración de outros tramos do muro de peche, que separa o horto do xardín, a renovación do portón de madeira que comunica estes dous terreos e a restauración do frontón do Pazo.


