A Vigo Cup 2025 bate récords en días, equipos e participantes

O torneo de fútbol base máis multitudinario do Estado celebrarase do 13 ao 29 de xuño con máis de 5.000 participantes e 295 equipos, incluídos clubs de Sevilla e Dubái.
vIGO cuP
12 Jun 2025

A cidade de Vigo xa está preparada para acoller unha nova edición da Vigo Cup, o torneo de fútbol base máis multitudinario do Estado, que neste 2025 chega con récords de duración, participación e equipos inscritos. A competición desenvolverase entre o 13 e o 29 de xuño en dúas fases: do 13 ao 22 para o fútbol sala, e do 23 ao 29 para o fútbol 7 e fútbol 11, sumando un total de 17 días continuados de actividade deportiva.

Na presentación oficial celebrada esta mañá nas dependencias municipais, o alcalde Abel Caballero destacou a magnitude do evento: “Estou moi orgulloso do que somos capaces de organizar, un torneo das características da Vigo Cup”. O torneo contará con 295 equipos, 11 máis ca na edición de 2024, procedentes de 46 clubs, en 15 categorías distintas. A maioría dos equipos son de Vigo e da contorna, aínda que tamén participarán clubs de Sevilla (San Roque Balompé) e mesmo de Dubái (Fursan Hispania).

A participación total superará os 5.000 integrantes entre xogadores, técnicos e árbitros, outro récord que confirma o crecemento constante desta cita deportiva. O sistema de competición estrutúrase en liguiñas iniciais e fases eliminatorias, que se disputarán en 13 campos de fútbol e 6 pavillóns deportivos de toda a cidade. O complexo de Navia acollerá os partidos decisivos, con novidades como a retransmisión en streaming e narración en directo das finais de fútbol 7 e fútbol 11.

O torneo conta co patrocinio do Concello de Vigo, que subvenciona a inscrición dos clubs, permitindo que a participación sexa totalmente gratuíta.

⚙ Configurar cookies
0.20638394355774