A VII Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela reflexiona sobre un modelo económico centrado na vida saudable

A sétima edición da Feira de Outono das Emprendedoras celebrarase o 26 de setembro na Facultade de Química da USC con mesas de debate sobre innovación, saúde, feminismo e benestar.
Feira emprendedoras compostela
22 Sep 2025

“Un modelo económico arredor dunha vida saudable” é o lema da VII Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela, que se celebrará o vindeiro 26 de setembro na Facultade de Química da USC. A xornada está organizada polo Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, e pola Universidade de Santiago.

O encontro pretende repensar a economía desde unha nova perspectiva que poña no centro a saúde, o benestar das persoas e os valores feministas. Mulleres emprendedoras, investigadoras, profesionais da saúde e divulgadoras compartirán experiencias para construír un modelo económico sostible, xusto e con enfoque de igualdade.

A inauguración, ás 10:00 horas na Aula Magna de Química, contará coa tenenta de alcaldesa, María Rozas; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luís Villaverde; e o decano da Facultade de Química, Jesús Sanmartín Matalobos.

A sesión matinal incluirá dúas mesas redondas: unha primeira sobre contorno médico, ciencia, innovación e economía ao servizo da saúde, coa participación de Susana Torrente Vilasánchez, Carme Pampín, Nieves Rodríguez Brisaboa e María Seoane Ramil; e unha segunda centrada na saúde mental, na que intervirán Noelia Villaverde Rozas, Area López Varela, Taida Sánchez Rego, Mª Carmen González Hermo e Violeta Cruz.

Pola tarde, a mesa redonda xirará arredor da alimentación consciente, o deporte preventivo, a saúde e o benestar, con achegas de Nuska Chousa, Toni Fernández (Lucía Freitas), Maruxa García Quiroga (Tastelab), Uxía Parcero (Reset) e Noemí Sanmartín Rodríguez (Asociación para acompañar procesos de cancro con exercicio físico).

A feira rematará coa presentación do libro Mirar de frente.

⚙ Configurar cookies
0.26620221138