A “VIII Batalla Mural” celebrarase o 24 de maio na Porta do Sol

O certame de graffiti dentro do programa “Vigo, cidade de cor” volverá poñer en valor a cultura urbana. Ademais, o MARCO celebrará o Día do Libro liberando publicacións pola cidade.
Batalla Mural
18 Apr 2025

O Concello de Vigo acollerá o vindeiro sábado 24 de maio unha nova edición da “Batalla Mural”, o certame de graffiti incluído no programa municipal “Vigo, cidade de cor”. A cita, que comezará ás 9:30 horas na Porta do Sol, ten como obxectivo achegar o valor da cultura urbana á cidadanía, especialmente a través da arte do graffiti.

A inscrición para participar xa está aberta ata o 19 de maio a través da web do Concello e está dirixida a maiores de 18 anos. Como explicou o alcalde Abel Caballero, “os participantes deben ser noveles”, é dicir, non poden ter participado en edicións anteriores.

A temática será secreta ata media hora antes de comezar o evento. A proposta busca conectar a arte urbana co valor cultural, patrimonial e social da cidade, ao tempo que se promove e visibiliza á mocidade creadora como canle de expresión artística.

Bookcrossing no MARCO

Con motivo do Día do Libro, o próximo 23 de abril, a biblioteca do MARCO súmase a outros 41 museos e centros de arte de todo o Estado na iniciativa de bookcrossing, liberando libros da súa colección en distintos puntos da cidade, incluída a fachada do museo.

Ademais, dende outubro a biblioteca do MARCO tamén permite o préstamo a domicilio de parte dos seus fondos, que inclúen títulos de narrativa, libros infantís sobre arte, e publicacións do museo.

⚙ Configurar cookies
0.08036994934082